Baobab Teatro representará a Pontevedra na feira europea máis importante de teatro familiar
Por Redacción
O espectáculo Babs, segunda produción teatral de Baobab Teatro, é unha das 64 obras seleccionadas para participar en la Feria Europea de las Artes Escénicas para Niños y Niñas (FETEN). A cita, a máis importante de Europa dentro do teatro familiar, desenvolverase entre o 24 de febreiro e o 1 de marzo en Gijón. Alí daranse a coñecer producións de 63 compañías procedentes de 15 comunidades autónomas e 6 países europeos; Bélxica, Gales, Francia, Holanda, Italia e Portugal.
Despois de Fíos, a súa primeira produción, coa que estiveron na XV Feria de Teatro de Castilla- León en Ciudad Rodrigo o pasado verán, Baobab Teatro presentará en FETEN, Babs, un espectáculo dirixido aos máis cativos da casa, no que Baobab puxo toda a súa creatividade, ilusión e experiencia.
Un día Baobab Teatro, compañía fundada hai apenas dous anos, soñou cun mundo visual, estético, musical e de bonitas palabras, ese mundo é Babs. Babs é unha experiencia máxica onde toda a familia poderá gozar con divertidos e suaves personaxes, formas, cores e volumes diversos, nunha peza na que a tenrura é a protagonista.
Sinopse: Hai planetas e planetas, e está Babs. Babs é un planeta moi, moi pequeno que só ten tres habitantes: Mamá, papá e Babo. Babo é un ser moi pequeniño que quere coñecer mundo pero papá e mamá teñen medo e protéxenno. Mamá e papá non queren que lle pase nada malo a Babo e sempre din NON, pero Babo necesita investigar, descubrir e explorar. Babo explora tanto que desaparece. Babs é un espectáculo tenro e acolledor para gozar en familia.
En Babs, Andrea Bayer está acompañada en escena por Xurxo Cortázar, actor cunha ampla traxectoria teatral. Andrea e Xurxo levan traballando xuntos desde hai máis de 15 anos, aínda que en todo este tempo realizaron tamén proxectos por separado ou con outras compañías. Daniel Abalo é o encargado da parte técnica do espectáculo.