A música dos '15 bolos' faise notar nas prazas da cidade
Por Diego Torrado
Pontevedra presume de escena musical un ano máis co ciclo de concertos '15 bolos', creados a partir do Local de Música coa intención de promover ás agrupacións locais.
Tres concertos inauguraron este luns o ciclo noutras tantas prazas do centro histórico.
Ás 19:00 horas Cora Sayers foi a primeira en saltar a escena na Praza da Verdura, mentres ás 20:00 foi quenda para La Casa de los Ingleses na Praza de Ourense e ás 21:00 horas de Rëisk en Méndez Núñez.
Foron os tres primeiros grupos en exhibir a súa música, pero a actividade dos '15 bolos' continúa ata o xoves 30.
Este martes a música repite escenarios e horas nas prazas da Verdura, Ourense e Méndez Núñez coas actuacións de Australia, The Soul Breakers e Marvel Pop.
Pola súa banda o mércores e o xoves a acción desprazarase á Praza do Teucro con senllos microfestivais. AnodhoR, Test Hammer, Skirl, Visceral Eyes e Que Desilusión! tocarán o día 29 dende as 21:00 horas e o xoves será quenda de Aware, Enki, Kaootik e Champurrada.