O jazz de Grammy de Terri Lyne Carrington dá paso á expresiva voz de Ruthie Foster
Por Redacción
O Festival Internacional de Jazz e Blues segue obtendo noites de éxito en Pontevedra. Este venres, a estadounidense Terri Lyne Carrington volveu encher as butacas instaladas na praza da Ferrería e conquistar o público coa súa versatilidade musical, que lle dá a súa paixón compartida entre estilos como o jazz, o reggae e o funk.
E logo de que na noite do venres os pontevedreses quedasen prendados coa interpretación dos temas do disco 'Money Jungle: Provocative in Blue' de Terri Lyne Carrington, co que gañou o seu segundo Grammy, o primeiro que se entregou a unha muller na categoría de mellor disco de jazz instrumental, este sábado volverá ser unha voz a que trate de conquistar ao público, a de Ruthie Foster.
A compositora e cantante texana terá unha cita cos amantes do jazz na praza da Ferraría a partir das 22.30 horas, na que entregará ao público pontevedrés unha voz tan expresiva como natural que motiva que frecuentemente a comparen con cantantes lendarias como Aretha Franklin ou Ella Fitzgeral.
A formación musical de Ruthie Foster abarca dende o góspel ao blues, o jazz, o folk ou o soul e a súa proposta sobre o escenario terá como protagonista, sen ningunha dúbida, a súa poderosísima voz e o seu persoal estilo, que foron unanimemente bendicidas por crítica e público.
A actuación incluirá temas do seu útlimo traballo publicado, 'Promise of a Brand New Day', lanzado ao mercado en 2014 e que supuxo a súa terceira candidatura aos Grammy. Ruthie Foster poñerá a voz e a guitarra e estará acompañada por Scottie Miller aos teclados, Larry Fulcher no baixo e Samantha Banks tocando a batería.
Relacionadas:
-
E seis días despois... rematan as noites de blues e jazz en Pontevedra
Por Redacción |
-
Remate galego e subversivo para o Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Redacción |
-
Da cálida voz de Janiva Magness á trepidante batería de Terri Lyne Carrington
Por Diego Torrado |
-
O Festival Internacional de Jazz e Blues chega á Ferrería coa voz de Janiva Magness
Por Redacción |
-
O jazz e o blues xa reinan na noite pontevedresa
Por Diego Torrado |
-
Seis días do mellor Jazz e blues internacional nas rúas
Por Redacción |