Anabel Gulías comprométese a manter a Film Commission na presentación de 'Wendylad is dead'
Por Anxo Lourido
A concelleira responsable da área de Promoción Económica, Anabel Gulías, confirmou que durante o presente mandato se manterá a actividade da Film Commission coa intención de potenciar a produción cinematográfica dende a cidade implicando ao campus universitario e á industria cultural do municipio coa intención de que Pontevedra apareza recollida en proxectos audiovisuais.
Gulías realizou estas declaracións na presentación dun novo traballo rodado na cidade e cun equipo formado nun 98% por pontevedreses. Trátase de 'Wendylad is dead', unha curtametraxe escrita e dirixida por Noelia Toledano, que será estreado este venres 10 ás 20.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra, nun acto, que será presentado pola actriz Blanca Cendán.
A directora, que estivo durante a presentación acompañada pola produtora Yolanda Valcárcel e por un dos intérpretes, explicou que este traballo ten como obxectivo servir de axuda a aquelas mulleres que se ven afectadas pola síndrome de Wendy e que manteñen dependencia cos homes. A curtametraxe divídese en cinco partes relacionadas co olfacto, o gusto, o oído, o tacto e a vista coa intención de mostrar as relacións entre as mulleres e os homes para mostrar que non é necesario buscar unha media laranxa.
'Wendylad is dead' rodouse entre maio e xuño deste ano nas pontes da cidade e nas principais prazas do centro histórico coa participación dun reparto no que se encontran Uxía Blanco, Miro Magariños, Blanca Cendán ou Fernando García.
Noelia Toledano apuntou que intentará establecer contactos coas diferentes administracións para que a curta poida verse en centros penitenciarios, centros psicolóxicos e en institutos.
Relacionadas:
-
Volta de 180 graos para "acender a luz" na Casa da Luz
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Comeza en Ciencias Sociais a rodaxe da curta 'Desde dentro' do pontevedrés Samuel Lema
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá en febreiro a rodaxe da curtametraxe "Wendyland is dead"
Por Redacción |
-
Cámaras, luces... acción! Ródase en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |