O programa ‘Bueu e os seus segredos’ iníciase este sábado coa Ruta dos Pazos
Por Redacción
Volven as rutas turísticas ao Concello de Bueu. Este sábado inaugúrase o programa “Bueu e os seus segredos” coa Ruta dos Pazos que partirá ás 9.30 da Oficina de Turismo e que terá unha dificultade media e un percorrido de 7 quilómetros.
Para participar nas rutas será preciso realizar unha reserva de praza previa na Oficina de Información Turística do Concello. Pode facerse de xeito presencial ou ben telefónico (986 32 44 57).
Ata o 19 de setembro, este programa dará a coñecer numerosos puntos de interese da vila a través de diferentes rutas, entre as que se contemplan a ruta dos Abades, a dos Muíños, a de Cabo Udra ou a de Ermelo.
Como complemento, a empresa encargada de turismo levará a cabo rutas urbanas baixo o lema "E ti de quen ves sendo?". A primeira será o luns 6 de xullo, con saída ás 20.30 horas da Oficina de Turismo e na que os camiñantes percorrerán 3 quilómetros de dificultade baixa.
Por outro lado, desde o pasado venres a Oficina de Turismo comezou a funcionar con horario de 10.30 a 15 e de 17.30 a 20.30 de luns a xoves, e de venres a domingo en xornada continuada de 10 a 21 horas. Ademais, a Aula de Natureza Cabo Udra permanecerá aberta os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20.30 ata o 30 de novembro.