Arcos da Condesa acolle o primeiro Encontro de Música e Bailes do País
Por Redacción
O 11 de xullo, Arcos da Condesa (Caldas de Reis) será o lugar de celebración do primeiro Encontro de Música e Bailes do País, que se iniciará ás 12.00 horas con música popular e foguetería para dar paso á apertura da exposición con materiais como zanfonas, gaitas, frautas, arpas celtas, baixos, guitarras, diferentes tipos de pandeiros e vestiario tradicional.
Tamén se desenvolverá un concurso de empanadas que finalizará cunha comida popular baixo a carpa ás 14.30 na que se celebrará unha homenaxe aos maiores. Para aqueles que queiran participar no concurso, as bases establecen que as dimensións mínimas da empanada será de 30 x 20 centímetros. E a mellor obterá un vale de compra por valor de 70 euros.
A partir das 17.00 horas comezarán as actuacións coa participación do grupo folclórico Hai que roelo, o Ballet folclórico galego, a Escola de Instrumentos populares galegos "Suso Vaamonde", o grupo Cantata Vernácula e o grupo Alvariza. A festa finalizará arredor das 22.00 horas.