O Memorial Ricardo Portela homenaxeará ao gaiteiro Manuel Viqueira
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Despois de dezaseis edicións ben se pode dicir que o Memorial Ricardo Portela é unha das festas tradicionais do verán pontevedrés. Esta importante cita no calendario dos gaiteiros galegos chega acompañada da Mostra de Artesáns de instrumentos tradicionais que se desenvolverá na praza da Ferrería o venres 10 e o sábado 11 de xullo.
O Memorial coincide coa Romaxe de San Bieito completando unha gran xornada festiva na cidade de Pontevedra.
O programa foi presentado este venres no Concello e, ademais da Mostra de Artesáns, inclúe para o venres 10 a partir das 20.00 horas, un Pasarrúas de Picuíña, polas prazas e rúas da cidade. Ás 21.00 horas, na Praza da Ferrería, actuará Xistra de Coruxo.
O sábado 11 de xullo é o día grande. A mediodía haberá pasarrúas a cargo do grupo Contracocheno; e pola tarde, a partir das 19.30 horas, dos grupos Gomes Mouro e Berros do Castro.
O gaiteiro homenaxeado este ano será Manuel Viqueira, na Praza da Ferrería ás 21.00 horas, coa actuación incluída do coro Novo Aires da Terra.
Manuel Viqueira, coñecido como o gaiteiro de Vilaverde, faleceu o pasado mes de febreiro aos 85 anos de idade. Fundou na súa terra, Ordes, xunto aos seus tres hojos o cuarteto Os Viqueira co que se converteu nun referente da música tradicional da bisbarra.
Alberto Pires, voceiro da Asociación de gaiteiros galegos que organiza o Memorial xunto ao Concello de Pontevedra, destacou que Manuel Viqueira foi un "grande maestre" pola súa técnica e traballo co "toque pechado". Foi un autodidacta "e un home amable, bo e xeneroso".