A obra de María Ledo exponse na Galería About Art
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Galería About Art inaugurará este xoves día 18 de xuño ás 20,00 horas unha exposición individual de María Ledo Olcoz (Ferrol, A Coruña, 1964), que estará aberta ao público ata o 24 de xullo.
Segundo a ficha da autora que trasladan dende esta galería, na obra pictórica de María Ledo Olcoz destacan os seus retratos, nos que fixa a atención do espectador na súa forza enigmática que recorda a grandes creadoras como Tamara de Lempicka ou Maruja Mallo.
O universo especial da artista parte de modelos esencialmente femininas, descoñecidas, recollidas do pasado, de fotografías antigas familiares ou vellas revistas de moda, para traelas ao presente a través da súa pintura, na que contrasta o colorido que roza a estética pop coa psicoloxía desgarradora que en ocasións nos envolve nun halo de misterio digno de filmes de Alfred Hitchcock.
Finalmente os responsables de About Art definen a María Ledo como "unha artista orixinal, con orixe, cunha linguaxe propia a través da que expresa todo un mundo de sensacións".