A tradición da muiñeira une a 600 bailadores na avenida de Montero Ríos
Por Daniel Santomé
Ata 19 grupos folclóricos procedentes de distintos puntos da provincia participaron na tradicional xornada do Día da Muiñieira, que chega a XILV edición, organizada pola Asociación Duos Pontes, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación provincial.
Os grupos, coa presenza de 600 mozos e nenos, concentráronse ás 19.30 horas do venres na praza do Teucro e dende alí realizaron un desfile polo centro histórico da cidade ata a avenida de Montero Ríos, para alí mostrar as súas habilidades no baile tradicional galego.
O grupo invitado nesta ocasión foi a Asociación Cultural Trépia de Pontevedra que interpretou o Fandango de Manuel Villanueva, a Jota Cruzado de Piñeiro de Area, o Cantar de Seixedos, a Jota e Ribeirana de Pardalongas, a Jota Ribeirana e dous-pasos de Sabaxáns e a Ribeirana cruzada de Barcia de Mera.
As actuacións continuaron co baile da Muiñeira Mariñán a cargo dos menores de oito anos, que deron paso aos nenos de entre oito e trece anos que ofreceron a Muiñeira de Fozara. A continuación, os mozos maiores de trece anos bailaron a Muiñeira de Cances. a Muiñeira Movidiña, a Jota de Paulino e o Pasodobre de Bergantiños, coa participación de todo o público asistente.