O pirata Escarapote e Luminio introducirán aos nenos pontevedreses no mundo da lectura
Por Natalia Puga
Co obxectivo común de "estimular a fantasía, a creatividade, os recursos expresivos e o interese pola lectura" dos máis pequenos de Pontevedra, o Concello porá en marcha un ao máis os proxectos Á Procura do Tesouro e A hora do conto. Dúas actividades que chegarán a 200 rapaces de entre 4 e 16 anos e que responden "a unha necesidade real que hai na infancia de desconectar, de fuxir dos problemas que pode haber no día a día".
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, deu o pistoletazo de saida a ambas as dúas actividades acompañada por representates das entidades encargadas de realizalas, Migallas Teatro e Pavís Pavós e aproveitando para realizar un anuncio, a temática que vai ter o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra na edición do ano 2013. 'A toda máquina' será o lema xeral co que chegue unha das actividades máis concurridas da actividade cultural pontevedresa e "as máquinas van estar alí, tanto a nivel físico como na imaxinación".
María Campos, de Migallas, foi a encargada de explicar Á Procura do Tesouro, un obradoiro composto por cinco cursos de expresión dramática, plástica e musical que este ano, por primeira vez, tamén estará destinado a adolescentes. Está aberto a rapaces de entre 4 e 16 anos.
Migallas levará a cabo "un traballo que estimula a fantasía e as aptitudes comunicativas e creativas dos nenos, fomenta a aprendizaxe do noso folclore, da nosa vila e o noso entorno e favorece a fluidez na expresión oral e escrita en galego".
O pirata Escarapote axudará aos nenos a atopar o tesouro
Os pequenos de 4 a 7 anos vivirán unha aventura da mán dos avós que lles contan historias e segredos; participarán dos xogos e probas que lles poña o pirata Escarapote para atopar o tesouro; coñecerán artistas coma Goya, Colmeneiro e Hockney; crearán e escoitarán contos; realizarán traballos manuais e rematarán no mes de abril cunha expedición polo centro histórico de Pontevedra.
Dos 8 aos 16 anos, combinaranse as actividades citadas anteriormente coa creación e posta en escena dunha peza teatral que se representarán no mes de abril no Teatro Principal dentro do programa Abril dos Libros 2013.
Tareixa Alonso, de Pavís Pavós, expricou que A hora do conto é un proxecto de animación a lectura coa finalidade de transmitir aos neno o gusto polos libros. Partindo da oralidade, traballarán en torno ás historias tradicionais e de tradición galega para estimular a imaxinación a través dos sentidos.
Trasmiten a idea de que contar historias é xogar e maquinar ideas e aventuras
Dende Pavís Pavós xogan con lema do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e programan A Hora do Conto como unha fórmula para contar, ler, escribir e crear contos, pois "contar historias é xogar e maquinar ideas e aventuras", unhas recollidas da tradición popular, outras sacadas de libros e outras inventadas por eles mesmos.
Esta actividade estará realizada en galego, tentando sempre transmitir a tradición oral galega apoiándose na mitoloxía, nas cantigas populares e noutras temáticas coma o Samaín, o Nadal, o Magosto, o Entroido, o día da Mentira.Valeranse tamén de Luminio, persoaxe traído dende Río de Xaneiro para destacar os aspectos que os contadores consideren máis relevantes, xa que se lle ilumina o nariz cando fala de algunha cuestión moi importante. Como sempre, as sesións estarán cheas de sorpresas.
As inscricións para ambos obradoiros poderanse realizar a partir do mércores 10 de outubro no Pazo da Cultura, en horario de 8 a 14 horas, tendo un custe total de 40 euros cada actividade.