Gonzalo Sellés ofrece a desviación da "Lógica temporal" na sala de exposicións da Xunta
Por Daniel Santomé
O concepto de desviación a partir dun motivo dado configura a base da mostra do artista Gonzalo Sellés Lenard que dende este xoves 7 ata o 28 de maio se pode visitar na sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo.
Licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e diplomado na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais da cidade na especialidade de pintura, o artista mostra nos seus traballos desta exposición denominada 'Lógica temporal' como os seus estudos influíron na súa traxectoria creativa.
Gonzalo Sellés ofrece nos seus traballos a evolución dun modelo a partir dunha idea xerando unha obra distinta buscando a participación do espectador. Desta forma, unha parte chega a construír unha nova parte doutra figura.
A exposición permanecerá aberta ata o 28 de maio en horario de 9 a 14.00 horas de luns a sábado.