A Banda de Música de Salcedo confesa as dificultades económicas que ten para realizar as súas actividades
A situación pola que atravesa a banda de música de Salcedo é difícil xa que "sólo viven de las ayudas, las cuotas de los socios y las matriculas de la escuela", e gastos teñen moitos que senón fora polo convenio "no habría un futuro halagüeño" segundo Miguel Gálvez Cabezudo, presidente da asociación músico-cultural San Martiño.
O acordo que garantirá os concertos da Banda de música de Salcedo nas ocasións especiais de Pontevedra asinouse este mércores por Miguel Gálvez Cabezudo e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade.
Este convenio garante a colaboración das dúas entidades, que coa achega dun máximo de 32.625 euros se realizarán as actividades pactadas como o concerto de primavera, a actuación do Día das Letras Galegas, concertos da coral, concerto do día de San Martiño ou a cabalgata de Reis, entre outras. Tamén se realizarán máis actividades por parte da asociación que non se contemplan neste acordo, segundo expuseron os responsables do colectivo.
Fernández Lores eloxiou o traballo que se está a facer coa banda xuvenil, a banda de Salcedo e a escola de música desta parroquia e destacou a dedicación e o esforzo que a directiva fai para que estas actividades sexan posibles.
O alcalde apuntou que lles gustaría incrementar as colaboracións coa asociación, pero a situación de crise económica actual non o permite, "pero a idea é esa", indicou o rexedor.
A banda actualmente ensaia nun local "precario" prestado pola Xunta, un espazo que só pode ser destinado a fins agrarios o que crea un problema para poder adecualo, xa que a súa actividade non é para a que está indicado o local, indicaba Miguel Gálvez Cabezudo. A nova Casa da Cultura de Salcedo, que se agarda que estea construída este mesmo ano, axudará a mellorar esta situación. Aínda que non terán un espazo propio segundo Fernandez Lores, si contarán cun espazo onde a banda completa poderá ensaiar e dar clases.