A arte, elemento de integración social: festival de teatro do Centro Méndez Núñez
Cando o teatro se usa como elemento de integración social, poucos esforzos pagan tanto a pena como o que protagonizaron este mércores os membros do grupo de teatro Méndez Núñez. Son persoas con discapacidades intelectual, pero iso non lles impediu -senón máis ben todo o contrario- demostrar o seu talento sobre o escenario do Teatro Principal.
Rodeados de amigos, familiares e pontevedreses que quixeron apoiar esta iniciativa, todos eles protagonizaron o seu tradicional festival de teatro, unha cita de grande interese social e cultural que se leva celebrando na cidade dende hai máis de vinte anos.
Nesta ocasión, o programa xiraba en torno á adaptación da obra Un marido de ida e volta, do dramaturgo Enrique Jardiel Poncela. Estaba protagonizada por Ana Carro, Olalla Díaz, Vanessa Tato, Marité Blanco, Covadonga González, Kiko Pacho, Abel Búa, Julián Vega, Ángeles Sineiro e Miguel Bouzas.
Ademais, a representación incluíu tamén a posta en escena do espectáculo Aires Orientales, con música tradicional chinesa e xaponesa baixo a dirección de Edison Ocampo; e de tres fragmentos do músical Grease.
En total, case unha trintena de artistas subiron ao escenario do Teatro Principal para demostrar, unha vez máis, que o talento non distingue entre persoas. Como habería de facelo? Non son discapacitados, simplemente teñen capacidades diferentes.