Xuventudes Socialistas organiza a segunda edición dos concertos solidarios "Nadal para todos"
Por Redacción
Xuventudes Socialistas de Vilagarcía está organizando a segunda edición dos seus concertos solidarios "Nadal para todos" ante o éxito logrado na anterior edición, na que se recadaron máis de 1.000 euros. O diñeiro que se consiga, do mesmo xeito que naquela ocasión, destinarase á creación dunha conta nun supermercado para que o comedor social de Cáritas poida abastecerse de produtos frescos.
O concerto celebrarase o vindeiro venres 28 de decembro ás 23:00 horas no pub Bianco, colaborador neste evento. O cartel, nunha aposta polos grupos locais, está composto por Andoni Arcos e El Abuelo, do grupo The Cornelius; Gonzalo Arca e Pablo Pérez; e de The Ramblin Rose, grupo que xa participou nos concertos da anterior edición. Á actuación destes tres grupos seguiralle unha Jam Session con artistas invitados como Nacho Pérez, Edgar Vero ou Capitan Lefina.
A entrada será de tres euros, que serán destinados integramente á conta no supermercado a favor do comedor social. No local tamén estarán habilitadas unha serie de petos nas que os asistentes poderán facer as súas donacións e recolleranse todo tipo de alimentos, preferiblemente non perecedeiros, que tamén serán entregados ao comedor social de Cáritas.
Así mesmo, tamén está dispoñible unha "fila cero" para aquelas persoas que desexen colaborar con esta iniciativa pero que non poidan ou non queiran asistir ao concerto. A conta, aberta en Nova Galicia Banco, é 2080 5155 90 3040023583 e nela poderanse ingresar os tres euros da entrada ou as donacións que cada quen considere oportunas.
Desde Xuventudes Socialistas queren facer un chamamento á sociedade civil a participar nesta iniciativa solidaria, xa que a actual conxuntura económica "fai que os servizos sociais atópense desbordados ante a ampla demanda froito das dificultades que atravesan moitas familias".
Así mesmo, o feito de que o diñeiro vólvase a destinar ao comedor social de Cáritas "é un recoñecemento á impecable labor levado a cabo por esta entidade, que ofrece un servizo esencial para a supervivencia diaria de moitas familias e que sempre se mostra disposta a axudar a aquelas persoas que máis o necesitan".