Por primavera o Conservatorio toma as rúas
Por Oskar Viéitez
Converteuse nunha cita consolidada no calendario cultural pontevedrés. Como cada primavera dende hai tres anos, o Conservatorio Profesional de Música (CMUS) Manuel Quiroga saca os instrumentos á rúa ofrecendo unha serie de catro concertos ao aire libre en distintos enclaves de Pontevedra.
O director do Conservatorio, Luis Costa, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, explicaron 'O Conservatorio na rúa' é unha iniciativa que busca abrir e aproximar esta institución á cidade seguindo a senda de actividades iniciadas no 2013 con motivo do 150 aniversario deste centro educativo.
Será este venres, día 24, na Praza do Teucro, a partir das 20 horas, actuará o Ensemble de frautas, baixo a batuta de Iago Lariño, e o segundo coro do Conservatorio, dirixido por Nanette Sánchez.
O 14 de maio, tamén ás 20 horas, no claustro da Facultade de Belas Artes, terá lugar o concerto de orquestras do CMUS Manuel Quiroga, do seu segundo coro e da tamén coral infantil Luis García Limeses, cos directores Fran Mora, Reyes Carballo, Sergio Heredia e Nanette Sánchez.
Por outra parte, o Conservatorio tamén celebra os días 22, 23 e 24 de abril, no auditorio do centro, os concertos didácticos Peer Gynt para alumnos de educación infantil e primaria.