The Grave Dolls, The Showbiñas Experience e Thee Blind Crows, broche de ouro para o 2012 de Sala Karma
Por Alejandro Espiño
O último concerto de 2012 na Sala Karma será un evento moi especial. Volven os Cousteau Awards. Un festival a tres bandas con entrega de premios incluída. Trátase da edición invernal dun evento que, o pasado mes de xuño celebrouse no Liceo Mutante. Todo iso o sábado 29 de decembro ás 21:30 horas.
Os protagonistas serán The Grave Dolls, The Showbiñas Experience e Thee Blind Crows. Un evento que promete ser moi especial.
The Grave Dolls é unha banda pontevedresa de blues-rock que se proclamou, o pasado mes de marzo, gañadora do primeiro Concurso de Local de Música de Pontevedra. Formado por Luís "The Hurricane" Otero (voz), Alex Marbán (guitarra), Luís Electric (baixo) e Sito Amestoy (bateria), a idea deste grupo é revivir o espírito da música de finais dos 60 e principios dos 70, cun marcado toque psicodélico. Están preparando o seu primeiro disco, Calypso, que verá a luz a inicios do próximo ano.
Pola súa banda, The Showbiñas Experience apúntase tamén ao blues-rock, pero cunha clara influencia sureña. Con Daniel de Castro (ex Kannon, Glassonion) na batería, Dany Moure na voz, Roi Rodríguez no baixo, Pedro e Ernesto de Gregorio no teclado e guitarra respectivamente, e a inestimable presenza de Irra Chouza como guitarrista, están inmersos na grabación do seu primeiro EP.
E a terceira das bandas que actuará nesta edición dos Cousteau Awards será Thee Blind Crows, un dúo pontevedrés que acaban de editar o seu primeiro EP, Too blues to be punk, too punk to be blues. Inspirados en grupos musicais como The Black Keys, Flat Duo Jets ou The White Stripes, levan desde 2008 desenvolvendo unha identidade musical moi propia dentro dos estilos blues, rock e punk-garage.
As entradas para este festival pódense adquirir, a un prezo de 4 euros se é anticipada e de 6 euros se se compra na billeteira, en Rei Zentolo Pontevedra, Pequeno Karma ou www.ticketea.com.