Os Fest 2015 son para... The Soul Breakers e La Casa de los Ingleses
Por Diego Torrado & Natalia Puga
O quinteto 'The Soul Breakers' fíxose co premio do público e o grupo de indie pop 'La Casa de los Ingleses' levou para a casa o premio do xurado. Este foi o resultado do Fest 2015, que este sábado xuntou no Teatro Principal de Pontevedra oito grupos noveis e uns espectadores entregados para promover a escena musical emerxente da cidade.
'The Soul Breakers' conseguiu erguer ao público coa súa proposta musical que mestura swing, funk, soul, rock e rhytm & blues. Bea Mazaira ao micrófono, Juan Pablo Charlo coa guitarra, Sara Martínez ao saxo, Jesús Vidal a cargo do baixo e Ernesto Belín coa batería fixeron vibrar tanto aos asistentes que finalmente levaron o premio do público, galardón que recoñece a calidade das súas cancións e o directo destes cinco músicos que acabaron xuntos no escenario logo de pasar todos eles por diferentes bandas.
O xurado do Fest 2015 decantouse pola proposta de 'La Casa de los ingleses', un grupo de catro mozos pontevedreses que levou ao escenario o indie pop máis intenso e emotivo con letras en castelán. Déixanse notar nas súas composicións as súas amplas influencias, que, segundo eles mesmos sosteñen, van dende o pop británico ao rock clásico pasando polo power pop e o pop psicodélico.
Foron os elixidos, pero poderían ter sido calquera dos oito finalistas nesta edición do festival do Local de Música de Pontevedra, coa que a Concellería de Xuventude busca pór en valor a creación musicial de base: 'La buena magia', 'Marvel PoP', 'Cora Sayers', 'Test Hammer', 'Rëisk', 'HAL 9000', 'The Soul Breakers' e 'La Casa de los ingleses'.
Todos se deron cita desde as 18.00 horas no Teatro Principal cumprindo os obxectivos de presentar á comunidade unha mostra da escena musical independente nun espazo emblemático e representativo da cidade, ofrecer aos grupos noveis oportunidades para darse a coñecer e desenvolver a súa carreira artística e ofrecer aos grupos participantes a oportunidade de conseguir un material audiovisual especial e relevante que apoie á súa estratexia e promoción.
Relacionadas:
-
La casa de los ingleses estrea "Algo diferente", o seu primeiro videoclip
Por Alejandro Espiño |
-
Os Fest 2016 xa teñen oito finalistas e veranse as caras o 19 de marzo
Por Redacción |
-
La casa de los ingleses presenta en Sala Karma "Punto de partida", o seu primeiro EP
Por Redacción |
-
Oito grupos musicais participarán o 11 de abril na nova edición do Fest
Por Redacción |
-
'De buena tinta' e 'La 4pared' triunfan entre o xurado e o público do Fest 2014
Por Diego Torrado |