Treixadura sopra as súas 25 candeas cun repaso pola súa traxectoria
Por Redacción
O grupo Treixadura e a histórica Coral Cantigas e Agarimos fixeron este sábado un percorrido polos últimos 25 anos da música tradicional galega no Pazo da Cultura de Pontevedra con ocasión da presentación do novo disco de Treixadura e da celebración do seu 25 aniversario.
A agrupación festexa este ano os seus 25 anos de gravacións e concertos e seis discos no mercado coa presentación do seu novo traballo, Vendima tarda. no que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas. Para a actuación pontevedresa da xira de presentación quixo contar coa colaboración da Coral Cantigas e Agarimos de Santiago.
Durante estes anos, o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. E ese son foi o que encheu o Pazo da Cultura de espectadores entregados aos que ofreceron unha actuación na que, unha vez máis, elevaron a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.
Treixadura naceu en 1990 co obxectivo de poñer en valor a música tradicional a través do canto e da gaita. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a música tradicional continúe viva.
Treixadura foi galardoada nos primeiros Premios Galegos da Música, entregados en decembro de 2013 en Pontevedra, como Mellor Grupo de Música Tradicional Galega. En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística polo seu traballo.