Volve PontePoética, consolidado como o mellor festival de poesía de Galicia
A quinta edición do Festival de Poesía PontePoética comezará o venres 17 de abril e durará ata o domingo 19. Durante estes tres días sucederanse recitais de poesía da man dos nove poetas que nesta edición conforman o cartel principal. Ademais dos recitais tamén haberá un Espectáculo de Poesía, dous obradoiros e un encontro poético cos alumnos de tres institutos de Pontevedra.
As actividades iniciaranse o venres 17 pola mañá cun encontro poético cos alumnos dos IES Luís Seoane, IES A Xunqueira II e IES Torrente Ballester. Pola tarde celebrarase a inauguración de PontePoética 5 a partir das 17.30 horas no Teatro Principal e continuará cos recitais de poesía que estarán divididos en dúas sesións. A primeira contará coa participación de Isaac Xubín, Susanna Lliberós e o portugués José Luís Peixoto, e a segunda, ás 19.00 horas, con Olalla Cociña, Harkaitz Cano e Manuel Álvarez Torneiro, único galego que recibiu o Premio Nacional de Poesía.
A xornada do sábado comezará ás 11.00 no Teatro Principal co obradoiro de Narrativa que impartirá Harkaitz Cano e proseguirá pola tarde, ás 17.30 horas, cos recitais de Lucía Novas, Luís García Montero e o napolitano Lello Voce. Ás 19.00 horas está previsto que se celebre o recital de clausura no que participarán todos os poetas invitados e que será presentado pola directora do festival Yolanda Castaño. Ademais ás 22.30 terá lugar o espectáculo de poesía de Lello Voce no pub El Pequeno.
O obradoiro de Luís García Montero ás 11.00 horas do domingo 19 poñerá o broche final a esta quinta edición dun festival xa consolidado e que, segundo palabras, de Yolanda Castaño é "o mellor festival de poesía de Galicia".
Os actividades coordinadas por Yolanda Castaño e Antón Sobral contan coa colaboración do Concello de Pontevedra que patrocina este evento situado despois da Semana da Filosofía, para que así, segundo Antón Sobral, todos aqueles que esperan cada ano polo Festival teñan unha data fixa que reservar para a semana da poesía.