La Bien Querida, Eladio y los seres queridos, Maryland ou The Dodos, en abril na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Sete concertos reunirán na Sala Karma grandes bandas nacionais e internacionais durante o mes de abril. Tras concluír a celebración do seu noveno aniversario, a música non deixará de soar neste escenario pontevedrés e ao longo das próximas semanas actuarán na sala, entre outros, La Bien Querida, Eladio y los seres queridos, Maryland ou os estadounidenses The Dodos.
A primeira cita, á volta de Semana Santa, será o sábado 11. Os madrileños Trajano!, banda na que figuran os galegos Lois Brea (guitarra e voz) e Juan Cea (guitarra), presentarán o seu segundo disco, Antropología. Son un grupo de post-punk que sorprende polo seu estilo directo e fresco, cun pouso escuro que recorda a grupos como Joy Division ou The Horrors. As entradas para este concerto custarán 8 euros (6 por anticipado).
O mércores 15 será a quenda do estadounidense Boo Boo Davis, un grande artista de blues que pertence ás últimas xeracións de músicos que escriben e tocan o blues baseado na experiencia de primeira man dunha vida dura no delta do Mississippi. Conta cunha extensa carreira, durante a cal editou oito discos. O último deles, What Kind of Shit Is This?, o pasado ano. 12 euros (10 por anticipado) é o prezo das entradas.
Eladio y los seres queridos, pola súa parte, presentarán o disco Orde invisible o venres 17 de abril. Os vigueses, que gañaron o Premio Galego da Música á mellor banda galega Indie/Pop en 2013, mostrarán os doce novos temas deste terceiro álbum, repleto de fermosas melodías, letras intelixentes e coidadas e cun son contundente. No seu caso, as entradas teñen un prezo de 8 euros, 6 se se adquiren por anticipado.
Ao día seguinte, sábado 18, o escenario de Sala Karma recibirá a outra das referencias actuais do pop indie vigués. Trátase de Maryland, unha banda que se encontra en plena xira de despedida de Los años muertos, o seu último disco e o primeiro en castelán. ÿ un álbum no que mostran a súa madureza como artistas, apostando por guitarras afiadas, bases contundentes e un directo con máis enerxía. As entradas véndense a 5 euros (12 máis CD).
Pero sen dúbida a gran cita deste mes é a que nos espera o xoves 23. Chega a Pontevedra La Bien Querida, unha das artistas máis recoñecidas do panorama indie español. No seu caso, para presentar Premeditación, Nocturnidad y Alevosía, o seu cuarto álbum. Nel, vólvenos deleitar coa súa voz única e os seus habituais enredos coas rumbas, coas influencias árabes e a electrónica. As entradas están á venda a un prezo de 12 euros (10 por anticipado).
O venres 24 de abril é o día reservado para os estadounidenses The Dodos. Esta banda de indie-rock presentará Individ, o sexto disco da exitosa carreira do multi instrumentista Meric Long e da batería Logan Kroeber. Trátase dun grupo de marcado carácter experimental que conta cunha ampla lexión de seguidores e cun directo cheo de enerxía que sorprende en cada actuación. Velos custará 15 euros, doce se compra a entrada por anticipado.
O último concerto do mes será o que ofrecerán, o sábado 25, a banda española Tulsa, liderada pola cantautora Miren Iza. Chegan meses despois de lanzar ao mercado o seu novo traballo La calma chicha, no que nos sorprende cun son innovador e as letras desoladoras que os converteron nun dos grupos de referencia da escena independente española. As entradas custan 10 euros, oito por anticipado.
As entradas para todos estes concertos pódense adquirir en Bullit Store, El Pequeño Karma e www.ticketea.com.
Relacionadas:
-
El Columpio Asesino e Cycle, dous concertos para poñer o broche de ouro ao aniversario de Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Jero Romero na Sala Karma, un concerto que deixou pegada no público pontevedrés
Por Alejandro Espiño |
-
Os 'lumes secretos' de Arizona Baby incendian a Sala Karma de Pontevedra
Por Redacción |