Manuel Rivas preséntanos "As voces baixas", unha novela autobiográfica
Por Redacción
"As voces baixas é a novela da vida". Así define Manuel Rivas (A Coruña, 1957) a súa nova novela, "As voces baixas" (Xerais, 2012), unha obra intimista, delicada e singular, na que o autor vai debullando recordos da súa infancia e adolescencia, que se suceden a mercé do suave vento da memoria. Un libro que o escritor e xornalista galego quixo presentar en Pontevedra. Concretamente no sexto edificio do Museo de Pontevedra.
Trátase dunha novela que pode considerarse unha obra autobiográfica en certa parte e onde todo pode ser verdade ou non tanto, e na que o Rivas neno vai descubrindo, cunha mestura de medo, estupor e marabilla, o que de extraordinario hai na xente corrente, á vez que o Rivas adulto ensina o inmenso amor que sente pola súa familia e o seu profundo respecto pola literatura.
ÿ un libro no que se entrelazan a memoria persoal e a colectiva. Dende o primeiro medo, o que lle provocan uns cabezudos que resultan ser figuras dos Reis Católicos, Manuel Rivas asiste ao descubrimento da vida por mor da existencia extraordinaria da xente do común.
O barrio de Monte Alto, a aldea urbana de Castro de Elviña, o lugar de Corpo Santo, coa luz do faro de Breogán, a prisión provincial, o cemiterio de Santo Amaro, o poboado céltico, o Monte Xalo onde as nenas pastoras pisan o sol, a escaleira onde os nenos clandestinos escoitan os murmurios da imaxinación... Unha xeografía real para un pobo marabilloso: as "voces baixas" que non queren dominar e que se alimentan de contos.