O Museo de Pontevedra achégase á tradición musical galega a través da figura de Faustino Santalices
Por Redacción
O edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle ata o próximo 12 de abril a mostra Faustino Santalices. Tradición Musical Galega, comisariada polos irmáns Castro Vicente. Nela faise un repaso por esta figura fundamental da música popular galega na primeira metade do século XX. As súas reflexións e achegas na estandarización da gaita e na recuperación da zanfona colócano no centro do proceso de valorización do patrimonio musical de Galicia.
A súa extrema curiosidade acentuou o seu perfil de investigador e excelente instrumentista, así como a interiorización dos sons da zanfona moldeou a súa voz dotándoa dunha personalidade inconfundible. Pasa por ser un dos grandes estudosos da música galega, xa que recompilou o repertorio dos vellos gaiteiros e as cantigas tradicionais, ademais de ser o máximo coñecedor da historia e a técnica da gaita e da zanfona no seu tempo.
Pola súa transcendencia e coincidindo co 50 aniversario da morte deste músico ourensán, abordouse no 2010 un programa amplo e profundo de estudo e exposición da súa obra e de posta ao día creativa do seu legado.
Con este programa, levado a cabo no Museo Etnolóxico de Ribadavia, pretendíase aproximar ao grande público a figura de Santalices no contexto sociocultural en que desenvolveu os seus procesos creativos, interpretativos e, nomeadamente, os procesos científicos e de investigador. Estes campos nos que empeñou unha vida, permitíronlle idear e fixar os métodos e ferramentas para a construción do actual padrón de gaita, así como a recuperación definitiva da zanfona, que con aquela ocupa o epicentro da historia musical desta rexión.
A exposición, comisariada por Cástor e Félix Castro Vicente, estrutúrase en nove apartados e fai un percorrido biográfico que dá conta das súas investigacións e creacións, da súa dimensión como artesán, luthier e científico e da súa relevancia como extraordinario divulgador da nosa tradición musical. Contén tamén fotos, revistas, libros, discos e diversos obxectos do seu entorno vital máis próximo, así como abundante material audiovisual no que o seu fillo Faustino Santalices Muñiz nos desvela os métodos de traballo do seu pai.
Os instrumentos, pezas e unha parte substancial da documentación contemplados nesta exposición foron cedidos pola familia de Faustino Santalices.
A mostra poderá visitarse de martes a xoves de 19 a 21 horas e domingos e festivos de 11 a 14 horas. Haberá tamén visitas guiadas todos os venres ás 19 horas, sen necesidade de inscrición previa.