Máis de 40 bailaríns, músicos e cantantes traen a Pontevedra as vibrantes danzas cosacas rusas
Por Redacción
Un total de 45 artistas sobre o escenario entre bailarins, músicos e cantantes. ÿ o impresionante elenco que traerá a Pontevedra a Compañía Estatal de Danza Cosacos de Rusia para representar o seu novo espectáculo, Lendas cosacas. Os pontevedreses poderán gozar deste o próximo mércores 25 de marzo, a partir das 20.30 horas, no auditorio da sede de Afundación na cidade.
O espectáculo, que sitúa na escena 24 bailarins, 11 músicos e 6 cantantes, preséntase como un percorrido pola historia dos pobos cosacos, as súas tradicións, as súas danzas ou a súa música, para achegar ao público a lenda dos habitantes destes extensos territorios ao norte do Mar Negro, un pobo guerreiro que defendeu durante séculos as fronteiras rusas.
Os seus integrantes, formados en danza clásica, incorporan os movementos propios do ballet, a rapidez e precisión que requiren estas danzas tradicionais. Cunha execución depurada, e co acompañamento de instrumentos de vento e percusión como acordeóns e balalaicas, respectan a esencia do folclore, coidadosamente escenificado cos traxes tradicionais: os uniformes militares e as camisas bordadas e diademas das protagonistas femininas.
Nesta nova proposta, a Compañía Estatal de Rusia incorporou na produción proxeccións audiovisuais que narran a historia do pobo cosaco, con traducións das cancións rusas, para que os espectadores poidan aproximarse á tradición que rodea ao espectáculo que se presenta.
A Compañía Estatal de Rusia, dirixida por Leonid Milovanov, Artista de Honra de Rusia, é unha das máis importantes compañías profesionais do país e a única que interpreta bailes de todas as rexións onde viviron os cosacos. Formouse en 1991, unha vez que se empezaron a restaurar en Rusia as tradicións cosacas, prohibidas durante a época soviética.
Dende entón, realizaron numerosas xiras nacionais e internacionais e actualmente actúan regularmente en máis de 30 países. En España estiveron por primeira vez no ano 1993 e, só en Madrid, viron o seu espectáculo máis de 20.000 persoas. A súa última visita foi en 2013, dentro do programa do festival Veranos de la Villa de Madrid.
As entradas están dispoñibles a través de www.ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500.