Pontevedra, plató de cine: Mario Casas grava na cidade escenas de "Toro", a súa próxima película
Intentouse manter en segredo para poder rodar con tranquilidade, pero cando a túa película está protagonizada por un actor tan carismático e popular como Mario Casas, ocultar a túa presenza convértese nunha misión case imposible. Iso é o que lle aconteceu ao director Kike Maíllo, que elixiu o barrio de Monte Porreiro e as inmediacións da UNED para rodar unha das escenas da súa nova película, Toro.
Dende que empezou a rumorearse que o actor galego estaba en Pontevedra, xa non houbo volta atrás. Centos de persoas, na súa maioría adolescentes, achegáronse ata a zona para poder ver en acción ao actor. Non puideron achegarse demasiado, en todo caso, debido ás medidas de seguridade que se prepararan para que nada puidese interromper o seu traballo.
Esperábase tamén a presenza do seu compañeiro de reparto, Luis Tosar, pero finalmente o coruñés foi o único protagonista da película que estaba citado a gravar na cidade do Lérez na tarde do xoves.
Aínda que os detalles desta rodaxe son, por agora, moi escasos, esta escena -como todas as que están a rodar en Galicia- parece formar parte do prólogo da película. Nela vese un ensanguentado Mario Casas, que chega nun autobús urbano. Con este aspecto víuselle nos arredores da UNED, onde estivo a traballar durante varias horas acompañado en todo momento do director Kike Maíllo. O centro será unha prisión na película.
Toro, que conta co guión de Fernando Navarro e Rafael Cobos (La isla mínima), é un frenético e emocionante thriller de acción que transcorre durante 48 frenéticas horas. Luis Tosar (Celda 211, Los lunes al sol) e Casas (Grupo 7, Tres metros sobre el cielo), dan vida a dous irmáns que se reencontran despois de cinco anos e que se ven inmersos nunha serie de sucesos provocados por vellas feridas sen cicatrizar.
Cerceda, Ourense ou Vigo, cidade á que volverán a próxima semana, son algunhas das localidades que acolleron xa partes desta rodaxe
José Sacristán -actualmente na serie Velvet- e Ingrid García Jonsson, nominada aos premios Goya 2015 polo seu traballo no filme Hermosa juventud, completan a repartición principal da película.
Trátase da segunda longametraxe do director catalán Kike Maíllo tras a súa aclamada película de debut Eva, estreada en 2011, cunha temática de ciencia-ficción e que foi galardoada con cinco premios Gaudí e tres premios Goya, un para el mesmo como mellor director novel.
RODAXE EN ANDALUCÍA E GALICIA
A película comezou a rodarse a finais de xaneiro. Tras gravar en diferentes localizacións das provincias de Málaga e Almería, o pasado luns o seu equipo aterraba en Galicia. Cerceda, Ourense ou Vigo, cidade á que volverán a próxima semana, son algunhas das localidades que acolleron xa, ou farano en próximos días, partes desta rodaxe.
A produción de Toro corre a cargo, entre outras, das compañías Apaches, Atresmedia Cine, Zircozine, Escándalo Films, Maestranza Films e Ran Entertainment. Colaboran ademais Canal+ e a TVG, mentres que Film Factory se encargará das vendas internacionais. Para a súa rodaxe en Galicia, os seus produtores contaron ademais con numerosos provedores locais.