As fillas bravas de Chévere, teatro para conmemorar o 8 de marzo en Pontevedra
Por Redacción
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, celebrouse en Pontevedra con teatro. A compañía Chévere, gañadora do último Premio Nacional de Teatro, representou sobre o escenario do Teatro Principal a obra As fillas bravas. O público pontevedrés gozou co traballo das actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, protagonistas desta obra que continúa a traxectoria da compañía de explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero.
Trátase dunha continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen) ou que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (Ill be watching you).
Neste caso, As fillas bravas veu a reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.
ÿ tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.
As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, Pandeiretada, gravada no primeiro disco de Radio Cos e "Danza de Cerdeira", gravada no primeiro disco de Leilía.
CONSELLO DE MULLERES NOVAS
A Concellaría de Muller incluíu tamén nestes actos de celebración do 8 de marzo a constitución do Consello das mulleres novas, que tivo lugar hai uns días. Na súa primeira xuntanza, as súas asistentes analizaron a situación das mulleres ao redor desta data e contaron coa actuación dos coros do IES Luís Seoane e do grupo de rock Stock do mesmo instituto.