"Sexo na pedra" ou como a erótica tamén está presente nas igrexas galegas
Por Redacción
Desde o principio dos tempos, a humanidade tivo unha relación especial co sexo e así se reflectiu durante séculos na arte. E aínda que pareza estraño, tamén as igrexas galegas recollen elementos eróticos e sexuais entre os seus muros de pedra. Ese é o punto de partida da exposición Sexo na pedra, ideada por Federico de la Peña, e que se inaugura este venres 21 de decembro na sala de exposicións do Padroado de Turismo Rías Baixas.
Na mostra figuran máis de corenta fotografías tomadas dos elementos arquitectónicos en practicamente outras tantas igrexas románicas de Galicia, con protagonismo das pontevedresas. Son as que durante dous anos documentou Federico de la Peña. Gravados en granito localizados en sitios tan dispares como Pontevedra, A Estrada, Silleda, Ponteareas ou Crecente.
Nelas represéntanse órganos sexuais, actitudes pornográficas totalmente explícitas e outras imaxes que a Igrexa medieval consideraba que "fomentaban o vicio", así como aquelas "que mostran as súas consecuencias". A maior parte destas figuras sexuais aparecen representadas nos canecillos, pezas que se usaban para sustentar os beirados dos tellados e de paso mostrar ao pobo os vicios, as virtudes e as escenas cotiás da época.
Ademais, as fotografías mostran tamén músicos, contorsionistas e personaxes comendo ou bebendo esaxeradamente, e en posturas eróticas, así como as consecuencias derivadas deses actos, como o castigo ao que son sometidos os pecadores.
Esta exposición complétase cun documental que tamén busca divulgar o románico sexual, un gran descoñecido para a maioría dos cidadáns. Trátase de O románico sexual... e algo máis, un traballo realizado polo propio Federico de la Peña, e que acompañará a esta mostra durante o seu paso, tras estrearse en Pontevedra onde estará ata o próximo 11 de xaneiro (estaba prevista a clausura para o 7 de xaneiro pero ampliouse 4 días máis ante el éxito de asistencia), polo resto de concellos galegos.