Guinea Bissau e Pontevedra, unidas a través da cámara do fotógrafo Gabriel Tizón
Desde hai varios meses, o Concello de Pontevedra e o Fondo Galego de Cooperación colaboran nun proxecto denominado Causas Comúns, que se estivo a executar no país africano de Guinea Bissau. Agora, esta iniciativa regresa a Europa e inicia a súa segunda fase cunha exposición fotográfica que se poderá visitar ata o 20 de marzo na Facultade de Belas Artes. O seu autor é o fotoxornalista Gabriel Tizón.
Trátase de África, soños e mentiras, na que este fotógrafo relata a estadía de tres semanas que protagonizou xunto á traballadora social Rocío Botana en Guinea Bissau. O seu obxectivo era, axudados cunha exposición por diferentes aldeas do país, dar a coñecer entre o pobo africano unha Europa descoñecida, chea de dificultades económicas e sociais, para visibilizar os obstáculos que se poden atopar se deciden emigrar.
Alén das correspondentes charlas de presentación, en moitos casos dirixidas a mocidade, Gabriel Tizón e Rocío Botana desenvolveron outras actividades no marco de Causas Comúns, como formacións para fotógrafos locais cunha mirada comprometida ou obradoiros para a elaboración de proxectos dirixidos ás asociacións que buscan dar resposta ás necesidades da zona.
O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. A vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza son xa artigos de luxo, non só nos países empobrecidos.
Despois de finalizar a súa exposición en Belas Artes, a mostra percorrerá distintos centros sociais e de ensino. A partir do verán, visitará outras administracións socias do Fondo Galego de Cooperación.
NENOS SOLDADO NO SALÿN DO LIBRO
O paso de Causas Comúns polo territorio africano permitiu tomar contacto con Momar Badiane, artista do barrio mariñeiro Yoff Tonghor, preto da capital de Senegal. A súa obra estase a dar a coñecer no Salón do Libro, cunha selección de debuxos de denuncia e reflexión sobre a dramática situación dos nenos soldado, que afecta a milleiros de rapazas e rapaces no continente africano. A exposición amósase no Pazo da Cultura ata o 28 de marzo.