Unha nova versión do 'Pulgarcito' de Perrault pecha o ciclo de teatro Domingos do Principal
Por Redacción
O ciclo Domingos do Principal chega á súa fin este domingo. Tras seis espectáculos, esta proposta cultural do Concello de Pontevedra concluirá coa representación dunha nova versión de Pulgarcito, o conto clásico de Perrault. Estará protagonizado pola compañía vasca Teatro Paraíso, que se subirá ao escenario do Teatro Principal de novo en sesión dobre, ás 12.00 e as 18.30 horas.
Pulgarcito é, recorda a compañía, un conto no que un neno miúdo e enxeñoso salva todos os seus irmáns e a súa familia, despois de que os seus pais desesperados tivesen que abandonalos no bosque por falta de recursos.
Son varios os temas que Perrault aborda na súa versión do conto e, sen dúbida, un deles é o do abandono. Teatro Paraíso presenta o conto privilexiando este tema e contextualizándo o nunha situación que non deixará de reclamar paralelismos coa sociedade actual.
Quen busque o Pulgarcito de Perrault achará o que busca, como tamén o fará quen desexe encontrar unha visión nova e estimulante. Divertido para os nenos e conmovedor para os adultos, esta nova montaxe teatral, que está recomendada para nenos a partir de 7 anos, presenta o conto a través da relación dun fillo co seu pai. E é por iso que este é un espectáculo especialmente ideado para pais e fillos.
Pulgarcito é un espectáculo que, entre outros, foi premiado como o mellor espectáculo no Ciclo Barroco Infantil 2014 do Festival de Almagro ou co Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia.
As entradas para esta obra pódense adquirir a través de www.servinova.com.