O Museo de Pontevedra acollerá un acto arredor do cine dos irmáns Barreiro
Por Redacción
Este xoves 26 de febreiro a partir das 20.00 horas, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá unha presentación arredor do cine dos irmáns Barreiro, que incluirá dúas proxeccións da súa autoría recuperadas grazas ao labor de restauración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
O acto encóntrase programado a través dunha colaboración entre a Deputación e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e contarán cunha pequena presentación do traballo de Ramón e Enrique Barreiro para dar paso á proxección de Noticiario Folk 1932 e do Noticiario nº1 e visita do Presidente da República a Pontevedra. A primeira é unha peza muda a cargo de Ramón Barreiro que inclúe, entre outras, noticias sobre o presidente do Consello e o Ministro da Gobernación en Galicia, a elección de Miss Galicia en Vigo, atletismo en Pontevedra, desfile de atletas na Praza de Touros e actualidade política en Pontevedra.
A película da Visita do Presidente da República a Pontevedra é o primeiro documento sonoro do cine galego e cúmprense 80 anos da súa rodaxe a cargo da pontevedresa 'Folk' de Enrique Barreiro. A gravación recolle a visita que realizou a varias localidades das Rías Baixas o entón presidente da Segunda República, Alcalá Zamora.
No acto intervirá Enrique Barreiro, arquitecto e fillo de Enrique Barreiro, o pioneiro da cinematografía en cor e creador en 1925 da película 'Pontevedra, cuna de Colón', realizada cun sistema inventado por el mesmo.