Pontevedra, a ritmo de góspel: chega á cidade a New Orleans Gospel Chorale
Por Redacción
O mellor góspel chega a Pontevedra da mán de Novacaixagalicia. O canto espiritual negro da New Orleans Gospel Chorale, unha das formacións máis prestixiosas do mundo neste tipo de xénero, soará este mércores 19 de decembro, ás 20.30 horas, no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. Será un día despois de que a súa música faga as delicias do público na cidade de Vigo.
Os membros da New Orleans Gospel Chorale son os antigos compoñentes do prestixioso grupo vocal New Orleans Moses Hogan Singers. Estreáronse no ano 1998, cando acompañaban a soprano Barbara Hendricks nos premios EMI, unha actuación que ficou na memoria de milleiros de seguidores como un dos momentos inesquecibles do xénero.
Agora presentan ao público pontevedrés o mellor desa tradición no seu programa de Nadal: The Art of Negro Spiritual. A agrupación musical conta coas sopranos Bridget Bazile, Pia Betts e Alia Waheed Ky; cos altos Kiane Davis, Stacey Dominique e Loneka Wilkinson, que tamén estará ao piano; cos tenores Brian Stratton, Rodney Vaughn e Louis Davis, e os baixos Angelo Johnson e Joshua McGee.
Os espirituais negros son unha forma musical específica dos Estados Unidos, produto da interacción entre a música e a relixión de África coa de orixe europea. O seu cerne está na escravitude dunha parte da poboación dos Estados Unidos. Os himnos e cancións da tradición cristiá metodista tiveron unha enorme influencia na formación destas melodías, os escravos compositores aproveitaban o material dos vellos libros de himnos e da Biblia para crear un ritmo culturalmente novo.
Non obstante, os espirituais son moito máis que versións dun material antigo, son a reordenación creativa dese material: novas melodías, textos sutilmente modificados e profundas diferenzas de estilo na interpretación.
As entradas, que teñen un prezo que oscila entre los 16,80 euros e os 23,60 euros, pódense adquirir en www.servinova.com ou na billeteira telefónica no 902 504 500.