Fina Casalderrey presenta "Dúas letras", unha historia sobre a emigración
Por Redacción
Fina Casalderrey amosaba no Teatro Principal a súa ledicia e os seus nervios por presentar a edición especial do guión de Dúas Letras. Trátase da historia dunha muller que agarda a carta dun fillo que se atopa emigrado.
A idea partiu de Fina Casalderrey e púxose en contacto co seu amigo Eloy Varela que decidiu facer a curtametraxe empregando, según afirma Fina, actores da súa propia casa "participa a miña nai, o meu home..." malia que a principal protagonista é Teresa Fraga. A película está rodada en branco e negro e recolle unha viaxe no tempo chea de tenrura e dureza. Trátase dun poema cinematográfico que agora editase en DVD con extras en forma de entrevistas co director, guionista, primeira actriz e making off. E tamén ven acompañado polo texto literario orixinal de Fina Casalderrey e dous traballos sobre a emigración galega a América, a cargo de Víctor Freixanes e sobre a correponsdencia entre as dúas beiras atlánticas escrito por Francisco Castro.
A película foi galardoada co Premio do Público no Festival de Cine de Bueu 2011 e obtivo tamén o galardón á mellor curta de ficción no Festival Primavera do Cine de Vigo e no Festival de Cans. E o próximo ano está previsto que participe na Feira do Libro e do Cine de Bos Aires.
E Fina Casalderrey xa está a escribir un novo guión porque asegura que lle gusta ver as cousas tanto "diante como detrás da cámara".