"A pegada dos avós", un documental sobre a represión franquista vista a través de sete adolescentes
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este mércores 11 de febreiro, a partir das 20.00 horas, a proxección da película documental sobre a memoria histórica A pegada dos avós, dirixida por Xosé Abad.
En A pegada dos avós sete adolescentes percorren, 75 anos despois, un particular camiño tratando de investigar a historia da xeración que viviu o golpe franquista de 1936. Elas e eles, en primeira persoa, terán que enfrontarse á dureza dos seus descubrimentos e explicar as implicacións que poida ter esta decisión nas súas vidas.
Trátase dunha produción que aborda a memoria histórica dende un punto de vista moi pouco tratado, xa que as persoas que buscan respostas son un grupo de adolescentes estudantes do último curso de bacharelato artístico.
Escollen as historias de José Villaverde e de Amada García para afondaren nun tema sobre o que non tiñan case información.
Dende a súa mirada intentarán comprender o drama da guerra civil española, a ditadura, a represión e, como din eles "coñecer de primeira man o que non vén nos libros. As súas reflexións personais quedan reflectidas no vídeoblog de cada un.
Ademais, as rapazas e rapaces logran falar con catro dos principais expertos neste tema: o escritor Manuel Rivas, o xuíz Baltasar Garzón, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Historica (CRMH), Fernando Souto, e o historiador Emilio Grandío.
Esta proxección está organizada polo Ateneo de Pontevedra e a Concellería de Patrimonio Histórico.