150 anos do conservatorio Manuel Quiroga ben valen un disco
Por Redacción
O conservatorio de música Manuel Quiroga de Pontevedra vestiu este xoves as súas mellores galas para presentar o disco conmemorativo do 150 aniversario da fundación do actual centro. Deste traballo musical editáronse un total de 500 copias.
O traballo recolle a obra Follas Vellas do compositor galego Saúl Chapela, vencedora no concurso de composición convocado en 2013 con motivo desta celebración, un certame dirixido ao alumnado matriculado en Conservatorios Profesionais e Superiores de Música de Galicia.
Ademais, o CD inclúe tamén o ciclo para piano e voz Linguas a Rosalía, a partir dunha dobre efeméride: a do Conservatorio e a da publicación naquel mesmo ano de 1863 da primeira grande obra rosaliana, Cantares Gallegos.
Este ciclo de cancións contou coa desinteresada colaboración dos compositores galegos Carlos Cambeiro, Luís Carro e José Luís Pedrosa, que puxeron música a tres coñecidos poemas do romanticismo, cuxa partitura foi editada grazas á Deputación de Pontevedra.
Pecha o CD a gravación do concerto en stilo antico de Manuel Quiroga, nunha interpretación da Orquestra Filharmónica de Pontevedra.
A presentación deste disco supón o derradeiro banzo da conmemoración deste centro, fundado en febreiro de 1863. O obxectivo foi recuperar a memoria deste centro para o que o conservatorio levou a cabo, entre outras accións, unha publicación Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga, que recolle a súa historia desde a fundación.
Ademais o centro organizou unha exposición sobre esta efeméride comisariada por Fernando Otero Urtaza, na que se amosaron fotografías, testemuños dos xornais, cartas e impresións que deron conta da existencia e evolución do conservatorio neste século e medio.