Vinila von Bismark presentará o 20 de febreiro na Sala Karma o seu primeiro disco en solitario
Por Alejandro Espiño
Se dicimos Irene López Mañas, moitos non saberán de quen estamos a falar. Pero se nos referimos a ela polo seu nome artístico, Vinila von Vismark, xa é outra historia. A artista granadina, unha das grandes voces de rock patrio, actuará proximamente en Pontevedra. Ofrecerá un concerto na Sala Karma, dentro da intensa xira que está a protagonizar por todo o país para presentar A place with no name, o seu primeiro disco en solitario.
Con este traballo, que poderemos descubrir en directo o 20 de febreiro a partir das 22.00 horas, Vinila von Bismark achégase a un estilo máis persoal e propio co que, sen afastarse do seu lado máis roqueiro, quere achegarse a outros matices, outros tempos e unhas letras máis sinceras que mostran un pouco máis que se esconde detrás do seu personaxe.
Así, en A place with no name encontramos atmosferas elegantes e escuras, ritmos hipnóticos cargados de exotismo, maxia e sensualidade, pero tamén cancións vibrantes onde Vinila demostra o amor pola súa terra natal con ritmos e melodías de reminiscencias árabes e mediterráneas, e onde tampouco falta o rock'n'roll.
Este álbum foi gravado nos estudos Valentim de Carvalho, en Paço de Arcos (Lisboa), fundados a principios dos anos 60 e onde gravaron artistas como Amalia Rodrigues, considerada a raíña do Fado, e mesmo os Rolling Stones. Os labores de produción correron a cargo de Paulo Furtado, cuxa visión foi clave na busca do son que precisaban as dez cancións do disco.
As entradas para o concerto de Vinila von Bismark en Pontevedra poñeranse á venda en próximos días.
Relacionadas:
-
A banda vasca John Berkhout actuará o sábado 21 de febrero na Sala Karma
Por Redacción |
-
Furious Monkey House enche a Sala Karma días antes de ir a Londres a gravar o seu primeiro disco
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
As 'viaxes de ida' de Villanueva recalan o 5 de febreiro na Sala Karma de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Arizona Baby presentará en marzo en Pontevedra "Secret Fires", o seu terceiro disco
Por Alejandro Espiño |
-
Os británicos Is Tropical actuarán na Sala Karma o próximo 31 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |