O concerto de Aninovo da Filharmónica e o Ballet de Galicia fai vibrar a un Pazo da Cultura totalmente cheo
Moitos pontevedreses espertaron este día de Aninovo ao ritmo da Filharmónica de Viena e o seu tradicional concerto do 1 de xaneiro. Probablemente mesmo sen erguerse aínda da cama. Moito máis modesto, pero tamén moi emotivo foi o que centos de persoas puideron gozar nun Pazo da Cultura que quedou pequeno para escoitar o concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
O público, que encheu por completo as butacas do auditorio, gozou co talento dos músicos da formación pontevedresa, dirixidos nesta ocasión por José Sanchís, director da Orquestra Sinfónica da Universidade Complutense de Madrid. Convidado pola Filharmónica, demostrou os seus grandes dotes coa batuta e deu mostras da súa ampla experiencia no terreo da lírica e a zarzuela.
Tal e como estaba previsto, a primeira parte do concerto foi sinfónica. Os músicos da Filharmónica Cidade de Pontevedra interpretaron, entre outras, pezas de O Crebanoces. Xa na segunda, moito máis variada, houbo tempo para pezas da ópera Carmen e do melodrama Cavallería Rusticana e, como non podía ser doutro xeito, para os tradicionais valses e polcas da familia Strauss.
Nesta segunda parte do concerto, os músicos non estiveron sós sobre o escenario. A danza -que aparecera tamén nun tema da primeira parte- sumouse a este espectáculo. Fixérono da man de seis bailaríns do Ballet de Galicia, encabezados polo seu director artístico, Juan Miguel Hernández. Todos eles bordaron o reto que se lles presentaba, actuar compasando os seus movementos coa música en directo da formación pontevedresa.
Bailaron en total tres pezas e o Danubio Azul de Strauss nos bises que, para sorpresa do público, comezaron desde o patio de butacas.
O concerto de Aninovo rematou co público posto de pé e cunha das máis intensas ovacións que se recordan no Pazo da Cultura en moito tempo.
Pontevedra foi a única cidade galega que deu a benvida a 2015 cun concerto en directo destas características.