Valses, polcas e... ballet: Todo a punto para o concerto de Aninovo no Pazo da Cultura
Pontevedra dará a benvida ao novo ano, por terceira vez consecutiva, da man da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Os seus músicos serán os protagonistas do concerto de Aninovo que darán este xoves, a partir das 19.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura.
Estarán acompañados por seis bailaríns do Ballet de Galicia e dirixidos por José Sanchís, director da Orquestra Sinfónica da Universidade Complutense de Madrid.
Durante os dous últimos días, todos eles estiveron a ensaiar sen descanso para que todo saia á perfección sobre o escenario. O propio José Sanchís encabezou estas probas, primeiro unicamente cos músicos da filharmónica pontevedresa, aos que posteriormente se uniron os bailaríns, liderados polo director artístico Juan Miguel Hernández.
O concerto contará con dúas partes. Na primeira, máis sinfónica, os músicos pontevedreses interpretarán pezas de O crebanoces; mentres que na segunda, moito máis variada, haberá pezas da ópera Carmen e do melodrama Cavallería Rusticana ou os tradicionais valses e polcas da familia Strauss.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de doce euros -dez para estudantes, desempregados e xubilados-, pódense adquirir aínda a través de www.servinova.com. En caso de non se esgotar, poderán comprarse no despacho do Pazo da Cultura dúas horas antes do inicio do concerto.