O Nadal da Banda e a Coral Polifónica de Salcedo trasládase este ano ao Pazo da Cultura
Por Natalia Puga
As habituais colas que se vivían cada 23 de decembro ás portas do Teatro Principal non se repetirán este ano. Adoitaban preceder cada ano ao Concerto de Nadal da Banda de Música e a Coral Polifónica de Salcedo, pero este ano non se producirán porque, ante a masiva afluencia de público, a cita musical se traslada ao Pazo da Cultura.
A Coral Polifónica de Salcedo interpretará a partir das 20.00 horas a canción popular galega 'Queremos cantar o neno', o vilancico de Gregorio Fernánde 'Está nevando', a peza de L. García Morillas 'Flores de amor' e 'Boga boga', de Agustín Zubimendi.
O repertorio da Banda de Música combinará as cancións do Nadal con outras nas que se dá importancia aos intérpretes novos con talento da agrupación. A primeira parte inclúe o pasadoble de Carlso Rodríguez 'Bagaxes', composto o ano pasado con motivo do 25 aniversario da Banda, e o concerto para bombardino e banda 'Cantiphonia' de B. Appermont, no que o protagonismo como solista será para David Lavía Pintos.
A segunda parte, moi diferenciada e máis do Nadal, incluirá o suite de ballet 'Coppelia' de Delibes, 'Danzas cubanas' de Robert Sheldon, 'Sandpaper Ballet' de L. Anderson e a clásica 'White Christmas' para pechar a actuación.
O concerto será o último con Alfredo Sánchez como director da Banda de Música de Salcedo despois de catro anos levando a batuta. Segundo explicou o protagonista, trátase dunha decisión tomada "hai moito tempo" e "meditada", pero non supoñerá un adeus definitivo da agrupación musical, pois toda a súa familia seguirá como compoñente da banda.
O auditorio do Pazo ten un aforamento maior e o presidente da Agrupación Músico-Cultural San Martiño de Salcedo, Domingo Álvarez Abalde, explicou que "imos estar todos máis recollidos". A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, engade que o obxectivo deste cambio de situación é "que a xente poida escoitalos", pois nas dúas décadas que leva celebrándose este concerto de Nadal os pontevedreses adoptaron o costume de vivir o 23 de decembro cun toque musical.
Relacionadas:
-
O Nadal soa á Banda e a Polifónica de Salcedo
Por Redacción |
-
A Asociación San Martiño de Salcedo celebra Santa Icía cun espectacular concerto
Por Diego Torrado |
-
Rubén Simeó e a Banda de Música de Salcedo triunfan na Ferrería
Por Diego Torrado |
-
A Asociación Músico Cultural San Martiño celebra as súas 25 primaveras
Por Anxo Lourido |