"Mulleres no obxectivo", un percorrido pola vida laboral das mulleres ao longo da historia
Por Alejandro Espiño
A mostra itinerante Mulleres no obxectivo chega a Marín. Trátase dunha exposición colectiva de 23 fotoxornalistas galegos que trata de sacar á luz, desde unha óptica de normalidade e respecto, as imaxes que nos achegan ao día a día das mulleres e a súa relación cotiá co traballo ao longo da historia, e á conciliación da vida laboral e familiar.
Esta exposición é unha fusión dos cambios sociais que experimentou a sociedade nos últimos tempos. Por exemplo, mostra desde profesións tradicionalmente masculinas, como unha muller que traballa na construción, como soldadora o nunha cadea de montaxe de automóbiles, ata as dunha vendedora ou unha mestra. O obxectivo é poñer en valor o esforzo das mulleres ao longo da historia por fuxir dos estereotipos.
Dentro da mostra, comisariada por Belén Fortes, inclúese a peza audiovisual Mulleres XX, sobre as mulleres galegas e o traballo. Esta peza, que toma o nome do cromosoma feminino, amosa ás primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, ás primeiras redeiras, ás mestras, ás lavandeiras, ás médicas, ás xornalistas, etc... dende o pasado ata a actualidade.
Ademais, o vídeo, que ten como eixo temático a progresión da mulleres en distintos postos laborais ata chegar ao momento actual, conta con testemuñas e valoracións deste camiño percorrido, realizadas por mulleres de recoñecido prestixio polo seu traballo en distintos campos da actividade económica, intelectual ou social.
"Púxose un empeño especial en buscar mulleres fotógrafas que participasen nesta exposición, pois queríamos que a presenza da muller viñera dada non só polas persoas retratadas, senón tamén polas propias retratistas", explica Belén Fortes, quen desvelou que o Centro Galego de Artes da Imaxe cederon as fotografías máis antigas, que datan de 1909.
Esta exposición está aberta ao público no Museo Municipal Manuel Torres ata o día 29 de decembro.