'Improperio D.F.', o teatro improvisado da compañía Triatreros pecha este xoves o ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño
Unha mesa, unha cadeira, catro actores, un músico... e a improvisar. ÿ a interesante proposta que ofrecerá a compañía Triatreros coa obra Improperio D.F., o derradeiro espectáculo do ciclo Ponteatro. Unha aposta "moi canalla e divertida", segundo os seus protagonistas, pola improvisación teatral con música en directo. Representarase no Teatro Principal de Pontevedra este xoves 18 de decembro, a partir das 21.00 horas.
O grupo de teatro, formado por Bea Campos, Omar Ferrín, Miguel Canalejo e Tone Martínez, xurdiu en 2011 e comparte a súa formación no ESAD de Vigo. Conta na súa traxectoria con espectáculos como Hamsters ou Matanza. Foron evolucionando o seu xeito de facer teatro cara a improvisación non só en pequenos espazos, senón que se atreveron con salas como o Teatro Principal, con capacidade para máis de 400 persoas.
"Cada ambiente ten o seu aquel: nunha cafetería a xente vai a máis cousas que a ver o espectáculo, falan, toman algo.. é mais complicado captar a súa atención", explicou Bea Campos. "Nun teatro merca a entrada para ir a ver un espectáculo, van predispostos, pero para nós tamén é un sobre esforzo facer este tipo de improvisacións dunha hora de duración, sen descanso e con toda atención posta sobre nós, xa que apenas hai escenografía".
Improperio D.F. ten como fío condutor a catro políticos desta sociedade imaxinaria. "Somos corruptos, pero avisamos", recoñecen. Preguntan ao público cales son os seus problemas e os resolven empregando como ferramenta a improvisación. "Temos que saír airosos das propostas do público", afirma Bea Campos, o que lles obriga a estar todo o espectáculo "cos sentidos moi alerta".
O espectáculo vese reforzado pola intervención musical de Davide González, que ademais compuxo o himno do seu distrito co que se inicia e conclúe a obra.
Na súa intervención, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, destacou a boa acollida do ciclo un ano máis, a variedade dos espectáculos e a intencionalidade de pechar con este espectáculo "nos que a metade do grupo son de Pontevedra, son xente nova e están afrontando novos proxectos" e recordou que a acollida que tiveron na súa intervención con Improchef no pasado Salón do Libro foi espectacular.
As entradas, a un prezo de 8 euros (4 euros para estudantes, parados e xubilados) están á venda anticipadamente en www.servinova.com e, no caso de non esgotarse, unha hora antes na billeteira do Teatro Principal.
Relacionadas:
-
O disparatado 'Improperio D.F.' invade Pontevedra coa súa divertida aposta pola improvisación teatral
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Boa acollida en Pontevedra ao musical "Bye bye, honey", da compañía Obras Públicas
Por Diego Torrado |
-
"O feo" no ciclo Ponteatro, unha divertida e mordaz reflexión sobre a obsesión pola beleza e o éxito
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
"Impreuna", o circo feito en Galicia, marabilla o público pontevedrés no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot |