'Bye bye, honey', un musical "duro, acedo e descarnado" que chega a Pontevedra dentro do ciclo Ponteatro
Ponteatro entra na súa recta final. Dúas últimas funcións que poñerán o broche de ouro, durante este mes de decembro, a este ciclo de teatro que organiza o Concello de Pontevedra. A primeira delas é Bye bye, honey, unha montaxe da compañía Obras Públicas, gañadora de dous premios María Casares. Representarase no Teatro Principal de Pontevedra este xoves 11 de decembro, a partir das 21.00 horas.
Bye bye, honey, segundo destacou na súa presentación un dos seus protagonistas, o actor César Goldi, é un espectáculo "duro, acedo e descarnado". Unha obra "proletaria" que é un "agasallo" para os seus actores porque "permite lucirnos", xa que nela cantan, bailan e mostran as súas dotes para a comedia e o melodrama. Trátase dunha obra de marcado carácter musical e as súas cancións, compostas por Carlos Mosquera, son interpretadas en directo.
Esta historia, marcada polas vivencias persoais do seu creador, José Prieto, trasládanos aos barrios marxinais de Ferrolterra. A súa protagonista é Marta (Iolanda Muíños), unha rapaza procedente dunha familia desestruturada, cun pai alcohólico e un irmán 'ionqui' que decide irse de casa e se busca a vida como pode en bares de estrada. A súa aspiración é converterse en cantante de orquestra e emprenderá un incerto camiño para conseguilo.
César Goldi defendeu este espectáculo de certas críticas recibida sobre a súa crueza visual e verbal. Asegura que pola temática que trata a linguaxe é moi explícita, pero iso non impediu que o público a haxa gozado alí onde se representou ata agora, entre elas, Narón, O Barco, Teo, Vilagarcía de Arousa e Monforte, que como Pontevedra son "concellos maduros que son conscientes de que o público vai moi por diante de certos intermediarios culturais".
O actor sinalou que a obra está a gustar ao público porque os actores "tamén nos liberamos" cos seus personaxes, adaptándose ao espírito do texto orixinal. "O máis bonito do teatro é que todo pasa á mesma temperatura que o público e conseguimos crear un espectáculo que aporta unha experiencia teatral completa", reiterou.
As entradas para asistir á representación de Bye bye, honey pódense adquirir a través de www.servinova.com.
Relacionadas:
-
Boa acollida en Pontevedra ao musical "Bye bye, honey", da compañía Obras Públicas
Por Diego Torrado |
-
"O feo" no ciclo Ponteatro, unha divertida e mordaz reflexión sobre a obsesión pola beleza e o éxito
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
"Impreuna", o circo feito en Galicia, marabilla o público pontevedrés no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot |
-
Boa acollida en Pontevedra a "Meu Ben" de Eme2, terceira cita co ciclo Ponteatro
Por Diego Torrado |