O Culturgal da "consolidación" bate récords: case 15.000 persoas en tres días e anuncia a súa volta no 2015
Case 15.000 visitaron durante toda a fin semana o Culturgal. A Feira das Industrias Culturais ven de pechar as súas portas cun éxito histórico. Pontevedra volveu acoller cos brazos abertos este evento, froito do esforzo conxunto de todo o sector cultural galego. E non será a última vez, porque a súa organización avanzou xa que o Recinto Feiral da cidade será de novo a sede do próximo Culturgal, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de decembro de 2015.
A organización de Culturgal desvelou que se rexistraron 14.450 entradas durante os tres días da feira, un número lixeiramente superior ao do pasado ano malia ser esta a primeira edición con pago de entrada. Isto supón, segundo Manuel Bragado, unha validación por parte do público da idea de corresponsabilidade e a construción colectiva dun proxecto que ofreceu 150 actividades e 70 expositores durante máis de 30 horas de programación.
"Os datos supoñen o respaldo do público á idea de corresponsabilidade, futuro compartido e valoración da cultura que lanzamos desde Culturgal", sinalou o presidente de Culturgal, ao facer balance do que definiu como a "edición da consolidación" da feira.
A sétima edición da grande cita da cultura galega incorporou novas áreas de actuación que, segundo a organización, "chegaron para quedar". Trátase, en especial, da gastrocultura -cun claro enfoque transversal-, as artes plásticas -despois da exitosa exposición "Do papel ao xesto"- ou o Espazo Bebés, unha aposta pola cultura para os máis pequenos que rebordou todas as previsións e pendurou o cartel de completo en todas as actuacións.
Demostrouse tamén nesta edición, segundo os organizadores, o cada vez maior compromiso dos distintos sectores da produción cultural con Culturgal, plataforma utilizada para presentación de novos proxectos e venda de novos produtos. Así, sinala Bragado, "a Feira seguirá evolucionando como o grande punto de encontro e escaparate da cultura galega, unha vez xa consolidada como se comprobou nesta edición".
ACTIVIDADES DO DOMINGO
Culturgal celebrou este domingo a súa terceira e última xornada. De novo, o sector cultural galego presentou as súas novidades durante todo o día. Non só o Concello de Pontevedra, que ao igual que fixo o sábado co Salón do Libro, presentou unha nova edición doutro dos seus programas culturais estrela, Domingos do Principal. Tamén se entregou o premio do público, que este ano recaeu no programa Diario Cultural de Radio Galega.
O público infantil gozou con espectáculos como Xiqui Xoque Fiú Fiú, o novo proxecto de María Fumaça; Non é país para cabaleiros, unha divertida obra de Teatro dos Ghazafelhos chea de música e acrobacias; Daboapipa de Vero Rilo e Santi Prieto; a presentación do libro-CD Lucecús do grupo Pirilampo; Non hai berce coma o colo da Editorial Kalandraka; ou Té, chocolate, café, unha proposta musical de Golfiños.
No espazo dedicado á música, houbo actuacións do coro tradicional Cantares de Brión, do grupo de cámara de gaita Ensemble Hotteterre, da banda 2naFronteira ou da proposta folk Samarúas. Ademais, presentaron novos discos Pandeiromus con Roberto Grandal e Xesús Rodríguez, o proxecto Factoría de subsistencia con Sabela Dacal e Josito Porto, ou Alba María, de aCentral Folque.
Nesta última xornada de Culturgal tamén se presentaron, entre outros, os libros O cuarto poder. Por un periodismo (de código) libre, de Víctor Sampedro; ou Hostal N/orte, de Xosé Duncan. A posta de longo do blog de crítica da Revista Galega de Teatro, conferencias sobre as cervexas artesanais galegas ou o futuro das feiras gastronómicas e a proxección das películas A Esmorga e Costa da Morte completaron a programación dominical.
Relacionadas:
-
Culturgal 2015 abre convocatorias para reserva de stands e presentación de propostas
Por Redacción |
-
Corenta colexios exporán os seus traballos na XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción |
-
Preto de 175.000 persoas participaron no 2014 nas actividades de Pazo, Teatro Principal e Recinto Feiral
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá a estrea da obra teatral "O crédito", con Antonio Durán 'Morris' e Pedro Alonso
Por Redacción |
-
Domingos do Principal 2015, sete obras para crear público "crítico, fiel e educado" entre os máis novos
Por Alejandro Espiño |
-
Caxade namora o público do Culturgal no seu concerto coa Banda de Música de Bandeira
Por Redacción |
-
Pontevedra, capital da cultura galega: Culturgal consolida o seu éxito na súa sétima edición
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Ciencia e ficción, xuntos nun Salón do Libro Infantil e Xuvenil que amplía a súa duración a un mes
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |