The Cornelius, Treixadura, Davide Salvado e Sala Aturuxo, finalistas dos Premios Galegos da Música
Por Alejandro Espiño
Xa coñecemos o nome dos grupos e artistas finalistas da segunda edición dos Premios Galegos da Música. Desveláronse nun acto sinxelo e moi familiar, no que a música correu a cargo dA Magnifique Bande dos Homes sen Medo. A Asociación de Músicos ao Vivo, organizadores destes premios, fixo públicos os nomes dos proxectos artísticos que optan a gañar o premio durante a gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo 17 de decembro.
Na listaxe aparecen bandas e artistas cunha longa traxectoria, algúns deles xa premiados na pasada edición ou que repiten como finalistas, e novas propostas musicais que amosan a boa saúde da que goza a música galega. Entre eles optarán a estes premios The Cornelius (Vilagarcía de Arousa) na categoría de rock, Treixadura (Cambados) e Davide Salvado (Marín) en música tradicional galega ou o Aturuxo (Bueu), que opta ao recoñecemento á mellor sala do ano.
Tamén aspira a gañar un dos Premios Galegos da Música, Chrysalid9 (Caldas de Reis), o proxecto electrónico de Javier Gago; ou Virxilio da Silva (Sanxenxo), que colabora con Mónica de Nut no disco Dos fíos invisibles chegan as cores, finalista na categoría de músicas do mundo.
Os finalistas destes premios son:
- Pop e indie: Ataque Escampe / Silvia Penide / Los Chavales
- Rock: Cró / Narf Trío / The Cornelius
- Blues, funk & soul: Cats and Monkeys / Bakin Blues Band / Victor Aneiros
- Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá / Felipe Villar Trío / Xan Campos Trío
- Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza / Som do Galpom / Aid Alonso
- Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430 / Sounding Images / Samuel Diz
- Folque: Vaamonde, Lamas e Romero / Cuarteto Caramuxo / Caxade
- Música tradicional galega: Treixadura / Davide Salvado / Malvela
- Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores / Trilitrate / 2uS
- Canción de Autor: A Cada Canto / Xoel López / Xoán Curiel
- Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc / Xiqui Xoque Fiú Fiú! / Golfiños
- Electrónica: Sub Rosa / Pálida / Chrysalid9
- Metal: Aphonnic / Nao / Machina
- Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi / Dakidarría / Transilvanians
- Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Os Modernos / Los Satélites / Claxxon
- Premio Organistrum Salas: Aturuxo / Garufa Club / Sala Capitol
- Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Festigal / Festival Sinsal Son Estrella Galicia
- Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: GZMúsica / Planeta Furancho / Tres Peixes Voando
O acto estivo conducido por Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos ao Vivo que agradeceu "a implicación dos músicos galegos unha vez máis neste proxecto ilusionante". Destacou que o balance non podía ser máis positivo: 307 grupos, 14 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación inscritos, e engadiu que "este segundo certame, pasará á memoria como a edición da consolidación".
"O que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá", resaltou o voceiro da asociación, apuntando que "en todas as categorías hai proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, algo que fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de música en Galicia".
Durante o acto presentáronse tamén as primeiras estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados durante unha gala na que, ademais dos 18 gañadores, entregarase tamén o premio honorífico Músicos Ao Vivo á banda galega de rock progresivo dos 70, N.H.U. Del valorouse "a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista".
Relacionadas:
-
Treixadura sopra as 25 candeas cun repaso pola súa traxectoria
Por Redacción |
-
Davide Salvado e o Aturuxo triunfan nuns Premios Galegos da Música de marcado carácter feminino
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Os Premios Galegos da Música volven a Pontevedra: entregaranse o 17 de decembro no Pazo da Cultura
Por Redacción |