O libro convértese en obxecto artístico nunha exposición en Culturgal
Por Redacción
"Innovación e sorpresa". ÿ o que aporta a exposición colectiva 'Do papel ao xesto. Libros de artistas e outras diverxencias' á sétima edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal) en opinión do seu director, Xosé Manuel Aldea.
Aldea presentou este mércores esta exposición nun acto na Deputación Provincial de Pontevedra, ao ser esta a institución que a patrocina. E insistiu na importancia desta actividade dentro das, entre 125 e 130, programadas dentro de Culturgal, pois dende a organización quéreselle dar máis peso ás artes plásticas.
'Do papel ao xesto. Libros de artistas e outras diverxencias' é unha exposición colectiva de 50 creadores e artistas que mostra aos libros convertidos en obxectos artísticos. Os comisarios da mostra, Paula Cabaleiro e Antón Sobral, sinalaron a súa singularidade, pois é a primeira exposición na que o libro é un pretexto para ensinar que fan os creadores en relación ao libro.
A exposición supón "50 olladas distintas sobre o mesmo concepto" e organízase en tres grupos: libros intervidos, libros construidos e libros reinterpretados. O presidente de Culturgal, Manuel Bragado, destacou o carácter transversal do evento e a súa vocación de abrirse e dirixirse a un público diverso e familiar, "non só profesional" e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, asegurou que "sorprenderá positivamente".
A sétima edición de Culturgal, que se celebrará entre o 5 e o 7 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, será a primeira na que a Deputación Provincial participe como patrocinadora. Ademais, como novidades, incorporará unha maior participación profesional, máis patrocinios privados e a apertura de novos espazos temáticos, entre eles, un dedicado á gastronomía.
Esta será tamén a primeira edición de Culturgal con entrada de pago para o público xeral -en 2013 o pago era voluntario apelando á corresponsabilidade do público-, aínda que con prezos reducidos. Custará 1 euro para os menores de 12 anos e 2 para os maiores desta idade, incluindo ademais un bono de 2 e 3 euros polos tres días da feira.
Relacionadas:
-
Culturgal 2014 é a "demostración de forza" dun sector galego no que traballan 24.300 persoas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Presentan Culturgal 2014, a "mellor edición" dunha feira que se abre a novos sectores culturais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Culturgal 2014 será de pagamento e con eventos gastronómicos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Culturgal celebrarase do 5 ao 7 de decembro e incorpora na súa sétima edición entrada de pago
Por Redacción |
-
Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal, consolidado xa como o máis sólido escaparate para a cultura galega
Por Redacción |