Javier Sierra, en Pontevedra: "El mundo es imprevisible. Vivir es una incertidumbre permanente"
O escritor e xornalista Javier Sierra (Teruel, 1971) presentou este xoves a súa última novela, La pirámide inmortal, en Pontevedra. Fíxoo nunha libraría Cronopios que se quedou pequena para acoller a todos os seguidores dun dos autores que máis libros vendeu no noso país nos últimos anos.
"El mundo es imprevisible. Vivir es una incertidumbre permanente", dixo Javier Sierra nada máis comezar a súa charla cos lectores. ÿ un dos eixes do libro, no que fai un chamamento a superar o medo á morte. E é que o gran misterio da humanidade, a inmortalidade, é a pedra angular sobre a que xiran os argumentos desta nova novela.
Trátase dunha especie de 'remake' da historia que escribiu en 2002, El secreto egipcio de Napoleón. A editorial Planeta planeaba relanzar esta novela e o seu autor optou por revisala e construír unha versión máis profunda a partir dela.
En La pirámide inmortal, Sierra afonda na experiencia dun xeneral Napoleón Bonaparte mozo cando en 1799, pasou unhas horas encerrado no interior da Gran Pirámide de Giza, "entró como general y salió como semi-dios", explicou.
Alquimistas, feiticeiros, bailarinas exipcias, vellos mestres descendidos das montañas e grandes personaxes históricos compiten nesta historia con Napoleón na busca do tesouro máis prezado: a fórmula da vida eterna.
Paralelamente ao seu labor como escritor de novelas, Javier Sierra é conselleiro editorial da revista Más allá de la Ciencia e participa en diversos espazos radiofónicos e de televisión como Cuarto Milenio. As súas novelas, entre as que destacan La cena secreta, El ángel perdido o El secreto del Prado, teñen como propósito resolver misterios históricos que segundo o autor "llevan siglos aguardando a ser desvelados".