O CITA cumpre catro anos
Por Alejandro Espiño
O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) cumpre catro anos de vida. E para celebralo organizáronse unha serie de actividades coas que se busca ampliar o coñecemento que os pontevedreses teñen deste museo e aumentar a súa promoción fóra da cidade. Así o destacou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, na presentación desta programación que se desenvolverá durante as dúas próximas fins de semana.
Luis Bará estivo acompañado nesta presentación de Carmela Sánchez Arines, responsable da empresa Etnoga, que dende hai uns meses se encarga da xestión do centro. Ambos os dous sinalaron que os datos de visitas están a ir en aumento e que se corrixiron "carencias" neste museo, especialmente relacionadas coa información que ofrece a todos aqueles que queren visitar as súas instalacións.
No medio desta campaña de visibilización, durante a cal farán unha énfase especial nos centros educativos galegos, enmárcanse os actos deste cuarto aniversario. Neles colaborarán de forma desinteresada catro colectivos ou institucións da cidade de Pontevedra: o conservatorio de música Manuel Quiroga, a facultade de Belas Artes, a escola de Restauración e o CIFP Carlos Oroza.
A programación comezará a próxima fin de semana. Será cunha xornada de portas abertas no CITA, para que todos os interesados poidan coñecer o museo. Non fará falta inscrición previa nin haberá que pagar entrada. Poderase visitar o venres 7 e o sábado 8 de novembro de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, e o domingo 9 só en horario matinal. Eses días estará habilitada unha exposición sobre restauración e conservación arqueolóxica, organizada pola escola de Restauración.
Ademais, o venres 7 ás 12.30 horas, os alumnos do Carlos Oroza participarán nunha actividade especial na que se realizará unha interpretación histórica de Pontevedra; e ás 19.00 horas celebrarase un concerto do grupo de cámara do conservatorio de música Manuel Quiroga. Será dentro das instalacións do CITA.
Pola súa parte, o sábado 15 e o domingo 16 de novembro o CITA acollerá varios pases da perfomance do artista sonoro Juan Cantizzani, en colaboración coa facultade de Belas Artes; e realizaranse unha serie de visitas guiadas a outros espazos arqueolóxicos de Pontevedra (sábado, 11.00 horas) e ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro (domingo, 10.00 horas). Estas dúas últimas son as únicas actividades de pagamento e que requiren inscrición previa.
Relacionadas:
-
O CITA pecha para acometer os traballos de conservación
Por Redacción |
-
O artista Juan Cantizzani amosa as virtudes do ruído en Belas Artes e no CITA
Por Redacción |
-
Un brinde polo cuarto aniversario do CITA
Por Alejandro Espiño |
-
Máis actividades e unha maior divulgación pola Internet, claves da nova etapa do CITA
Por Alejandro Espiño |