O Teatro Nacional de Moldavia calma a fame de ópera dos pontevedreses
Por Redacción
Cen profesionais, 90 deles de cara ao público, calmaron este sábado a fame de ópera dos pontevedreses. Representaron e puxeron música á acción da primeira e única obra deste xénero prevista esta tempada na cidade, Nabucco, a cargo do Teatro Nacional de Moldavia.
A famosa ópera de Giuseppe Verdi non decepcionou e transportou os espectadores a Xerusalén e Babilonia do ano 560 A.C cunha acción dramática caracterizada pola rapidez e alegría das súas partes corais. Sen dúbida, axudou a esta identificación do público co relato que se contaba sobre o escenario a existencia dunha tradución do libreto ao español.
Nabucco, estreada no Teatro alla Scala de Milán en 1840, foi o primeiro éxito importante de Verdi como compositor, en parte polas calidades musicais da obra e en parte pola asociación que facía o público entre a historia do pobo xudeu e as ambicións nacionalistas da época.
A obra está baseada no personaxe bíblico Nabuccodonosor. Durante a precaria paz do pobo de Israel cos seus veciños, Ismaele foi embaixador en Nínive, onde espertou o posesivo amor da filla do rei Nabuccodonosor, Abigaille. Pero Ismaele namorouse da outra filla, Fenena, que se volveu con el a Israel. Mentres tanto Nabuccodonosor ponse en marcha coas súas tropas para invadir o minúsculo reino de Israel. Os israelitas ven como os babilonios (asirios no libreto orixinal) se achegan e se reúnen temerosos no templo. Zaccaria cre ter a man a solución para evitar a invasión: en canto chegue Nabucco, ameazará a vida de Fenena cun puñal e obrigará así o babilonio a retroceder.
Relacionadas:
-
Welcome to Rigoletto, da Ópera Nacional de Moldavia
Por Redacción |
-
'Rigoletto' e unha gala lírica, oferta da primeira edición do festival de ópera Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
'La Traviata', "una de las mejores óperas para iniciarse en el género", en Pontevedra o 9 de novembro
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O Teatro da Ópera Nacional de Moldavia representará "La Traviata" o 9 de novembro en Pontevedra
Por Redacción |
-
'Nabucco' achegará a ópera aos pontevedreses da man do Teatro Nacional de Moldavia
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |