'Nabucco' achegará a ópera aos pontevedreses da man do Teatro Nacional de Moldavia
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Un elenco de 90 profesionais do Teatro Nacional de Moldavia ofrecerá este sábado un espectáculo pouco habitual en Pontevedra. Saltarán ao escenario do centro cultural de Afundación en Pontevedra para representar a ópera Nabucco de Giuseppe Verdi, a única función deste xénero que se representará esta tempada na cidade e unha aposta da fundación por ofrecer aos pontevedreses todo tipo de manifestacións artísticas.
Leonor Gago, directora da axencia que produce Nabucco, Concerlírica, presentou o espectáculo este mércores sinalando que se ben "todas las óperas son sorprendentes" Nabucco o é especialmente "sobre todo por las partes corales", pois son "muy alegres","van muy rápido" e conseguen que o espectador as goce e se emocione ao máximo.
A posibilidade de ler a tradución en español garantirá, ao seu modo de ver, que o público quede satisfeito. E ademais, o éxito está asegurado ao tratarse dunha obra de Verdi que dende que se estreou no Teatro alla Scala de Milán en 1840 non para de sumar éxitos.
Esta ópera foi o primeiro éxito importante do compositor e con ela inícianse os chamados anos de galera, nos que compuxo a un ritmo frenético, producindo dezasete óperas en doce anos. O éxito débese en parte ás calidades musicais da obra e en parte á asociación que facía o público entre a historia do pobo xudeu e as ambicións nacionalistas da época. Un dos símbolos que utilizou, e quizais segue utilizando, o pobo para reforzar o ideal independentista foi o coro 'Va, pensiero', do terceiro acto, unha das pasaxes corais máis representativas da época.
María Teresa Cores: "No hay muchas ocasiones de ver ópera en Pontevedra"
A directora de contidos socioculturais de Afundación, María Teresa Cores, recordou que "no hay muchas ocasiones de ver ópera en Pontevedra", para animar os cidadáns a que asistan á cita do día 1 de novembro ás 20.30 horas. Asegúralles, ademais, que "la calidad del espectáculo está garantizada", como a de todas as funcións que ofrece a axencia Concerlírica.
María Teresa Cores recoñece que "es muy costoso" traer este tipo de espectáculos e compañías de ópera como o Teatro Nacional de Moldavia, que, incluíndo o persoal de maquillaxe e peiteado, despraza a 100 persoas. Non obstante, quixo facelo e asumir o custo para diversificar e complementar a súa oferta de programación.
A acción de Nabucco ten lugar en Xerusalén e Babilonia no ano 560 A. C. Durante a precaria paz do pobo de Israel cos seus veciños, Ismaele foi embaixador en Nínive, onde espertou o posesivo amor da filla do rei Nabuccodonosor, Abigaille. Pero Ismaele namorouse da outra filla, Fenena, que se volveu con el a Israel. Mentres tanto Nabuccodonosor ponse en marcha coas súas tropas para invadir o minúsculo reino de Israel. Os israelitas ven como os babilonios (asirios no libreto orixinal) se achegan e se reúnen temerosos no templo. Zaccaria cre ter a man a solución para evitar a invasión: en canto chegue Nabucco, ameazará a vida de Fenena cun puñal e obrigará así o babilonio a retroceder.
As entradas están á venda a través das canles habituais da entidade en servinova.com ou ben no despacho telefónico no 902 504 500.