O conservatorio Manuel Quiroga reabre as súas portas para dar inicio a un novo curso
Por Diego Torrado
Preto de 600 alumnos cursan os seus estudos musicais no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. E este xoves foi un día especial para eles. Deu comezo oficialmente un novo curso. Foi durante o transcurso dun acto que serviu ademais para pechar a programación coa que se conmemorou, durante o último ano, o 150 aniversario deste centro de ensino.
Durante esta inauguración oficial de curso, presentouse o libro conmemorativo Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga, editado pola Deputación provincial. Trátase dunha publicación que recolle a historia do que é un dos conservatorios máis antigos de España.
Ademais inaugurouse unha exposición con documentos históricos sobre o conservatorio Manuel Quiroga, ao tempo que se celebrou un concerto da banda de música da Escola Naval Militar de Marín.
Entre as autoridades presentes atopábanse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez; ou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal.
O conservatorio Manuel Quiroga, fundado en febreiro de 1863 e dependente da Xunta de Galicia, é o terceiro da comunidade en número de docentes e alumnado e o primeiro en canto a especialidades ofertadas.