Os bebés roubados e o alzhéimer loitan contra o olvido na tempada teatral
Por Mónica Patxot
Unha ovación na que os aplausos se prolongaron durante dez minutos. Foi o broche final á última estrea dramática da tempada de aboamentos de teatro da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) en Pontevedra, Una vida robada, protagonizada por Asunción Balaguer, Carlos Álvarez-Nóvoa, Ruth Gabriel e Liberto Rabal.
A obra composta por Antonio Muñoz de Mesa e dirixida por Julián Fuentes Reta captou a atención dos espectadores abordando un dos dramas que consternou a parte da sociedade española nos últimos tempos, o dos bebés roubados, pero tamén a crueldade do alzhéimer e a forma en que esta enfermidade condiciona a vida de quen a padece e das persoas que o rodean e coidan.
A obra encheu practicamente todas as butacas cun público eminentemente feminino que unicamente formulaba unha queixa ao termo da función, o son.
A interpretación e a voz de Carlos Álvarez-Nóvoa chegaron a toda a sala sen dificultades, pero nas intervencións do resto do elenco xurdiron, en determinados momentos da obra, certas dificultades para escoitar todo o contido do diálogo.
Un desenlace inesperado e as aplaudidas intervencións dos actores de traxectoria máis dilatada, Asunción Balaguer e Carlos Álvarez-Nóvoa, foron os pratos fortes dunha obra que ofrece o drama dos bebés roubados dende a visión dunha nena dada en adopción ao nacer nunha clínica madrileña (Luz, interpretada por Ruth Gabriel) que acode ao médico que asistiu o parto (o doutor Nieto, ao que dá vida Carlos Álvarez-Nóvoa) facéndose pasar por unha traballadora para sonsacarlle información.
O alzhéimer avanzado do xinecólogo e a intervención da súa coidadora (Olvido, Asunción Balaguer) e o seu fillo (Julio, Liberto Rabal) dificultan a súa busca de respostas.