10.000 libros en galego asequibles para todos os petos
Por Redacción
Un libro, 3 euros. Dous libros, 5 euros. Cinco libros, 10 euros. A oferta converte en alcanzable para case todos os públicos a compra dun exemplar. Para poder aproveitarse dela tan só hai que acudir ata o próximo domingo 12 de outubro ao Café Moderno de Pontevedra.
ÿ a oferta estrela deste ano do outlet do libro galego que organiza, por terceira edición consecutiva, a Asociación Galega de Editores e afecta á maior parte dos 10.000 exemplares que se ofertan na cita.
Outros libros con edicións máis especializadas ou categorías singulares véndense a prezos lixeiramente superiores (5, 10 ou 15 euros), pero a oferta segue resultando vantaxosa e este sábado, primeiro día de apertura, xa supuxo unha visita constante de compradores.
O outlet, que ten un horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00, está xestionado polas librarías Paz e Seijas e reúne no Café Moderno a un total de 16 editores galegos. A todos eles lles agradeceu a iniciativa a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, durante un percorrido polas mesas cheas de libros este sábado, día de apertura da iniciativa.
Tras cualificar a iniciativa como "moi boa", a concelleira resaltou que permite "dar saída a fondos que teñen todas ás editoriais galegas e que é difícil colocar" e, ao mesmo tempo, supón un beneficio social porque ofrece aos pontevedreses "achegarse á lectura a prezos máis económicos" e cunha oferta moi variada que vai dende a cociña á arte, a narrativa, a poesía ou os libros infantís.